A Xunta colabora cos concellos na contratación de case 600 persoas desempregadas perceptoras da Risga
A Xunta de Galicia garantirá a contratación, por parte das entidades locais galegas, dun total de 578 persoas en risco de exclusión social. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a comunicar a resolución aos concellos solicitantes desta orde coa que quere favorecer a inserción laboral de persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga).
A área de Promoción do Emprego destina este ano case 7,7 millóns de euros cos que se financian os custos laborais, segundo o convenio colectivo vixente, das persoas incorporadas, coa finalidade de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Son beneficiarios desta orde concellos e as agrupacións de municipios baixo calquera fórmula, que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a súa execución. Un total de 173 entidades cursaron a súa solicitude na actual convocatoria.
As contratacións obxecto de financiación permitirán a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social competencia das entidades locais. Con independencia da duración do contrato, o período subvencionable é de nove meses para cada persoa traballadora incorporada.
Unha vez notificada a resolución, a selección de persoas traballadoras que se contraten será realizada por cada entidade local beneficiaria, coa correspondente publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación do procedemento.
As destinatarias finais serán persoas perceptoras da Risga que deben contar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego non ocupadas. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato. Terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da Risga que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, as maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.
A través desta medida, o Goberno galego segue a fomentar a creación de emprego de calidade e a incrementar as oportunidades laborais, mellorando as condicións do mercado e aproveitando a colaboración institucional coas entidades locais.