publicidade hoxe

A Xunta avoga pola colaboración entre os municipios do Camiño de Santiago para manter o crecemento da afluencia de peregrinos nesta década xacobea

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe en Triacastela os representantes da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) que celebran a súa xunta directiva no concello lucense. A comitiva estivo encabezada polo presidente da entidade, o alcalde de Pamplona, Enrique Maya Miranda, e a súa vicepresidenta e alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, tamén presidenta da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés.

Diego Calvo puxo en valor o traballo levado a cabo pola AMCS, da que forman parte máis dun cento de municipios de Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León xunto con 11 concellos da mancomunidade no tramo galego do Camiño Francés. Deste xeito, incidiu en que a colaboración conxunta nestes territorios desde a creación da organización en 2015 contribúe á conservación da ruta, á súa promoción e difusión e, por suposto, á dinamización económica dos concellos que atravesa. Por iso, apelou a seguir compartindo proxectos para manter o éxito e o crecemento do Camiño na actual década xacobea.

Lembrou ademais que este 2023 é especial para a AMCS ao cumprirse 30 anos da declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial da Unesco, un recoñecemento que axudou a difundir a ruta e o patrimonio artístico e cultural neste trazado.

No encontro cos alcaldes da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, destacou o bo momento de todas as rutas ao duplicarse no que vai de 2023 as cifras récord de peregrinos do ano pasado. Canto ao Camiño Francés, concentra máis da metade das Compostelas seladas con máis de 227.000 do total de 438.500 rexistradas en 2022.

14 de abril de 2023 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.