A Ruta Queztal “Cara a luz do fin do mundo” terá lugar en Galicia na primeira quincena de xullo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá co director da Ruta Quetzal, Íñigo de la Quadra-Salcedo, na presentación da ruta “Cara a luz do fin do mundo”, na que participarán 200 mozos e mozas do 1 ao 15 de xullo e que percorrerán Galicia e o Norte de Portugal.
A Ruta Quetzal conmemora o 30 Aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, en 1993. “A historia xacobea en Galicia é unha historia de intercambio e hospitalidade, unha historia de progreso, encontro intercultural e dinamización socioeconómica que, de maneira colectiva, tratamos de perfeccionar”, resaltou Nava Castro.
Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, expuxo que a través dos quince días de duración os participantes poderán percorrer a nosa comunidade e empaparse da riqueza e as bondades da mesma, a través das paraxes e escenarios que fomentaron o nacemento do Primeiro Itinerario Cultural europeo.
A Expedición deste ano comezará o 1 de xullo en Vilanova de Arousa, para logo por mar seguir remontando o Ulla ata Catoira e Pontecesures, e poñer rumbo a Ponte da Lima e Viana do Castelo, en Portugal. Voltarán a España para chegar a Santiago de Compostela antes de comezar o Camiño que durante 2 días percorrerán a pé ata o Cabo Fisterra, visitando despois varias faros e vilas da costa da morte. O final desta ruta será a chegada á Torre de Hércules, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.