publicidade hoxe

A Policía Autonómica detén un home en Vigo por un presunto delito de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaSucesosVigo
A-
A+

Axentes da xefatura provincial da Policía Autonómica (UPA) en Vigo, detiveron o pasado venres un varón como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

Os feitos aconteceron na rúa Martínez Garrido, cando axentes que realizaban patrulla observaron un home propinándolle patadas a unha muller. Os efectivos procederon de xeito inmediato ao auxilio e protección da muller para impedir que continuase a agresión e procederon á detención e traslado do agresor á comisaría de Policía Nacional de Vigo, onde se tramitaron dilixencias por violencia de xénero.

Actualmente a Policía Autonómica ten asignada a protección de 292 vítimas de violencia de xénero nas distintas xefaturas da unidade.

A UPA asumiu competencias na materia en setembro de 2016, tras asinar un protocolo de coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia que supuxo, entre outros aspectos, integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema Vioxén). Posteriormente, os axentes recibiron formación específica, tanto teórica como práctica.

As funcións que desenvolven os efectivos pasan, fundamentalmente, por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio…; o traslado das vítimas ao centro asistencial cando teñan sido agredidas, así como á comisaría para proceder á denuncia; a recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e a adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos, tendo en conta o nivel de risco da vítima.

26 de abril de 2023 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.