publicidade hoxe

Xunta e universidades impulsan un modelo de graos e másteres duais pioneiro en España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLugoOurensePontevedraPortada esquerda
A-
A+

O Sistema Universitario de Galicia contará a partir do vindeiro curso cun modelo de graos e másteres duais pioneiro en España, nos que o alumnado combinará a súa formación nas tres universidades públicas cun contrato laboral regrado e remunerado nunha empresa. Anunciouno hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no transcurso da xornada Formación Dual universitaria: unha aposta de futuro para estudantes e empresas, celebrada na Cidade da Cultura, na que participaron os reitores das universidades de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, e da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa.

No decurso da xornada, na que se analizaron as vantaxes deste modelo así como os principais retos para a posta en marcha deste novo programa, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo destacar que esta iniciativa quere “reproducir o éxito que a opción dual tivo na FP tamén nas nosas universidades”. Neste sentido, o conselleiro lembrou que o alumnado da FP Dual acada unha taxa de empregabilidade de case o 100 %, grazas á confianza de máis de 800 empresas colaboradoras, “o que demostra que se trata dun modelo educativo de éxito para a captación de talento e para a formación de calidade de profesionais cualificados e necesarios para o tecido económico”.

Avánzase, así mesmo, sobre o traballo previo para achegar a oferta universitaria á realidade dos sectores produtivos galegos, “un camiño que conta cunha folla de ruta, o Mapa de Titulacións para o período 2021-2026, que afonda na adaptabilidade ao mercado laboral e a especialización de cara a un escenario profesional máis diverso”. Esta estratexia inclúe a mellora da oferta cunha decena de másteres e unha ducia de novos graos nos sete campus galegos que permitirán dotar a Galicia de profesionais cos perfís adaptados ás necesidades da sociedade do futuro.

Marco específico

Román Rodríguez explicou que a iniciativa parte dunha análise encargada á Fundación Empresa–Universidade Galega (FEUGA), en colaboración coa Universidade de Mondragón, que achegou a súa experiencia nun proxecto similar. “Esta análise previa permitiu definir un marco específico de actuación común para as universidades galegas, cun proceso xeral de desenvolvemento e execución da implantación”, expuxo.

O representante da Xunta fixo fincapé no esforzo de todos os axentes educativos e económicos para impulsar esta iniciativa e sinalou a necesidade de ”seguir unindo forzas para avanzar, consolidar e asegurar o éxito deste programa”. Non en balde, os próximos pasos pasan polo traballo conxunto coas universidades e as empresas para sistematizar un método de traballo a través do que ir deseñando os plans de estudos, ben sexan titulacións totalmente novas ou adaptadas á modalidade dual.

“Estamos satisfeitos de ter no noso sistema universitario un motor conectado á realidade que fai que Galicia avance con máis fortaleza e benestar. Coa chegada das titulacións duais seguiremos afianzando a excelencia e a innovación que fixeron do Sistema Universitario de Galicia un modelo de referencia”, salientou.

Na xornada de traballo de hoxe participan tamén o director de FEUGA, Francisco Javier Pereiro, que afonda nos principais procesos implicados no desenvolvemento do modelo dual desde as perspectivas empresarial e universitaria, e o vicerreitor académico da Universidade de Mondragón, Jon Altuna, que presenta a experiencia da súa institución académica. Ademais, celébrase unha mesa redonda arredor dos retos actuais e futuros deste modelo en Galicia, na que interveñen o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e representantes das tres universidades públicas galegas e do mundo empresarial.

A primeira iniciativa autonómica

O programa de titulacións duais da Xunta é a primeira iniciativa autonómica liderada por unha Administración educativa para todo o territorio baixo a súa xestión, o que constitúe un modelo sistematizado e integral que vai máis aló da experiencia desenvolvida pola Universidade de Mondragón. A proposta xa foi analizada polo Consello Galego de Universidades o pasado mes de decembro.

Deste xeito configúrase un marco normativo que permita sistematizar para o Sistema Universitario de Galicia un procedemento único regrado para a implantación das titulacións duais que, á súa vez, confira seguridade a estudantes e empresas colaboradoras.

Este marco incluirá tanto a esixencia de que a titulación dual sexa un proceso de aprendizaxe integrado no contorno académico e no contorno profesional e que exista unha especial corresponsabilidade entre a universidade, a empresa e o estudantado no codeseño do programa formativo. Ademais, en cada plan de estudos deberán quedan fixados tamén os requisitos a cumprir por parte das entidades colaboradoras.

A modalidade dual avanza sobre o modelo de prácticas en empresas ao esixir unha secuenciación de períodos formativos na entidade colaboradora, unha maior integración do período formativo na empresa no currículo formativo, unha coordinación máis estreita entre a universidade e a entidade colaboradora, unha titorización da parte académica e da entidade colaboradora máis integrada e a incorporación do traballo fin de grao ou máster.

Como resultado, ofrécese unha alta cualificación ao alumnado, moi axustada ás necesidades reais do mercado de traballo e, polo tanto, con maiores expectativas de empregabilidade.

10 de marzo de 2023 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.