publicidade hoxe

Rueda anuncia que a Xunta avaliará os efectos sociais e económicos dos proxectos de cara ás declaracións de impacto ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+
Intervención do presidente galego

Intervención do presidente galego

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta avaliará os efectos sociais e económicos dos proxectos de cara ás declaracións de impacto ambiental. Estas valoracións serán recollidas na nova lei sobre aproveitamento dos recursos naturais que comezará a tramitarse mañá no Consello da Xunta.

O mandatario galego adiantou este novo criterio na súa intervención na sesión de control no Parlamento de Galicia, onde precisou que con esta nova lei se valorarán aspectos como a participación de investidores locais, a creación de emprego na zona, a redución dos custes da enerxía e a preservación dos bens culturais e naturais da zona.

Ademais, esta análise social e económica servirá tamén para determinar en que proxectos poderá participar a futura utility, unha compañía na que participará a Xunta de Galicia xunto con outros actores públicos e privados para que parte dos beneficios dos proxectos que aproveiten recursos naturais teñan un impacto directo en toda Galicia, e especialmente nos lugares nos que se instalen.

Rueda defendeu que esta nova lei e esta nova sociedade mixta son “unha oportunidade” para Galicia e son produto da “política útil” pola que aposta o Goberno galego. Ademais, avanzou que se irán coñecendo outras vantaxes, ademais das adiantadas hoxe no Parlamento de Galicia.

A “oportunidade” para Galicia das renovables

O presidente da Xunta defendeu a aposta polas enerxías renovables de Galicia e lembrou que o Pacto Verde Europeo establece que se debe chegar á neutralidade climática no 2050, polo que advertiu que se debe comezar “a multiplicar por moitos centos” a xeración destas enerxías. Ademais, lembrou todos os proxectos industriais previstos na comunidade —e entre os que citou o de Stellantis— que precisan dun subministro estable de enerxía a prezos competitivos para a súa posta en marcha.

Rueda referiuse, en concreto, á eólica mariña, que en Galicia xa está vencellada a máis de 1200 millóns de euros de investimentos na fabricación de aeroxeradores e prevese a creación de máis de 8000 postos de traballo. Ademais, asegurou que hai moitas empresas internacionais que están “pensando seriamente” en instalar na Comunidade galega os seus proxectos, “cando hai moitísimos sitios de Europa e do mundo que os queren alí”, advertiu.

“É unha oportunidade que non imos deixar pasar”, aseverou o mandatario galego, quen apuntou que esta perspectiva tamén é compartida polo sector pesqueiro, do que asegurou que está a reclamar “a coexistencia” coa eólica mariña de xeito que se garanta a preservación dos recursos naturais e pesqueiros. “E isto tamén o queremos nós”, remarcou con respecto á postura do Goberno galego.

Finalmente, o mandatario galego precisou que esta aposta de Galicia polas enerxías renovables por ser “unha oportunidade” para a comunidade será unha das cuestións que lle trasladará á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na reunión que manterá con ela en Bruxelas o vindeiro luns, día 27.

22 de marzo de 2023 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.