publicidade hoxe

Román Rodríguez coñece en Xenebra o labor dos científicos galegos no maior acelerador de partículas do mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Román Rodríguez na visita á sede de CERN en Xenebra

Román Rodríguez na visita á sede de CERN en Xenebra

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe a sede da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, onde puido coñecer de primeira man o traballo que desenvolven un grupo de científicos do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) neste centro de referencia internacional onde opera o maior acelerador de partículas do mundo.

Na visita, na que estivo acompañado do científico galego e director do IGFAE, Carlos A. Salgado, Román Rodríguez fixo un percorrido polas instalacións, onde lle explicaron o funcionamento do acelerador de partículas e as importantes funcións que desenvolve este centro. Ademais, coñeceu os proxectos de investigación universitaria que desenvolven os científicos galegos do IGFAE alí destinados, cos que mantivo un encontro. Tamén participaron na visita o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri, e o director científico asociado do IGFAE, Abraham Gallas.

Este centro mixto da Xunta e a Universidade de Santiago, un dos oito que forman parte da Rede de Centros de Investigación de Galicia, creouse no ano 1999 para coordinar a participación da comunidade española de física de partículas no CERN. A día de hoxe está posicionado como un referente internacional nos ámbitos da Física de Partículas, Física de Astropartículas e Física Nuclear grazas, en gran medida, a súa estreita colaboración con grandes infraestruturas científicas a nivel mundial como o mencionado CERN en Xenebra, o GSI/FAIR en Darmstadt (Alemaña), o Laboratorio Pierre Auger en Argentina ou a colaboración científica LIGO en Estados Unidos.

No caso concreto de Xenebra, froito desta colaboración, unha parte dos investigadores deste centro realizan fisicamente o seu traballo en Xenebra (algúns deles son investigadores en formación que están realizando a súa tese doutoral) e outros fano a distancia desde a sede de Santiago de Compostela compaxinando con visitas regulares á sede suíza para a súa participación en proxectos nucleares de eido internacional. En total, é un terzo do persoal investigador do IGFAE o que está vencellado ao CERN, entre o cal se atopan cinco con contratos posdoutorais da Xunta de Galicia.
Compromiso da Xunta coa investigación
Román Rodríguez manifestou que esta colaboración científica entre o IGFAE e o CERN “é a proba evidente do grandísimo nivel que teñen as nosas universidades e os nosos centros de investigación”. O conselleiro dixo sentirse “moi orgulloso” do labor destes científicos, da súa contribución ao avance social e tamén “da súa maneira de facer país desde a investigación máis punteira”.

O conselleiro aproveitou para reafirmar o apoio da Xunta de Galicia coa investigación universitaria e lembrou que o seu departamento está traballando nun reforzo orzamentario para financiar a investigadora dos oito centros científicos integrados na Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia, entre os cales se atopa o IGFAE. De feito, nos últimos cinco anos, a Xunta leva investidos preto de 30 millóns de euros para blindar e consolidar a actividade investigadora destas estruturas.

Así pois, Galicia conta cun sistema completo e consolidado de apoio á investigación universitaria enfocado á formación, retención e captación de talento científico a través da financiación dos centros de investigación da rede CIGUS, de grupos de investigación e de contratos preodutorais, posdoutorais e investigadores distinguidos.

13 de marzo de 2023 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.