publicidade hoxe

Román Rodríguez anuncia a activación en 2024 de incentivos directos para rodaxes audiovisuais ao abeiro da nova Galicia Film Commission

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Xunta de Galicia reuniu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, unha nutrida representación dos sectores audiovisual e turístico para lles presentar a imaxe e o avance dos traballos para a posta en marcha este mesmo ano da Galicia Film Commission, nova plataforma virtual para a promoción internacional da nosa Comunidade como plató de cinema e de televisión baixo o lema Shooting at The End of The World. Segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, a súa entrada en funcionamento levará asociada a activación, a partir de 2024, dun novo fondo para a atracción de rodaxes mediante a fórmula de incentivos directos ás empresas, coa previsión de que o seu retorno económico na nosa Comunidade multiplique por 10 o investimento público.

A Galicia Film Commission é, ademais, unha das novas iniciativas contempladas no Plan Xeración Cultura do Goberno galego, cun investimento de 34M€ para levar a cabo unha batería de 57 accións. O obxectivo é continuar co crecemento do sector e prepararse para afrontar novos retos, como esta nova iniciativa audiovisual ou o desenvolvemento de seis plans sectoriais e de dúas novas leis no eido da dixitalización e accesibilidade.

O escenario elixido para este presentación foi o túnel de servizos da Cidade da Cultura como exemplo dun potencial espazo cinematográfico, cun marcado punto de fuga e grandes posibilidades para o traballo coa luz e o son. Alí congregáronse un centenar de persoas, entre representantes de empresas e entidades como a Academia Galega do Audiovisual, o Clúster Audiovisual Galego, o Clúster de Turismo de Galicia, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Asociación Galega de Guionistas ou as Film Commission de Santiago e Ourense. Por parte da Xunta, contouse tamén coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, e Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.

Proxecto transversal

A súa presenza neste acto dá conta do carácter transversal da Galicia Film Commission, que responde así mesmo a unha demanda do sector audiovisual no sentido de xogar un papel coordinador, integrador e amplificador respecto dalgunhas oficinas homólogas que xa existen no ámbito local. Ao tempo, será o vehículo para articular os incentivos económicos directos como reclamo para incentivar as rodaxes na nosa Comunidade xunto coas súas propicias características paisaxísticas e patrimoniais e coa contrastada capacidade da industria audiovisual galega.

Neste sentido, Román Rodríguez detallou como principais obxectivos desta nova ferramenta a promoción de Galicia como espazo ideal de rodaxe, a difusión das obras audiovisuais creadas no noso territorio, o incremento do retorno económico das producións e o impulso á marca Galicia a través do audiovisual.

A Galicia Film Commission disporá de persoal específico para atender as necesidades das empresas audiovisuais de cara á localización de escenarios para as súas filmacións, a colaboración con outros profesionais e empresas rexistrados na base de datos, a tramitación de permisos ou a dotación de recursos, entre outras funcións.

Así pois, en palabras do titular de Cultura do Goberno galego, a Galicia Film Commission actuará como un “instrumento facilitador de calidade e de diferenciación” para continuar avanzando na modernización, consolidación e competitividade do audiovisual galego.

Ademais, co novo fondo de incentivos directos darase continuidade á liña de apoio á captación de rodaxes desenvolvida a través de dúas convocatorias do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia. Neste caso, o investimento público situose en 3,3M€ en axudas a unha decena de producións, cun impacto económico estimado de 33M€

Programa anual de subvencións

Xunto coa próxima entrada en funcionamento da Galicia Film Commission, o Goberno galego mantén o seu programa anual de subvencións para acompañar as empresas e profesionais do cinema e a televisión durante todo o proceso audiovisual: desde o impulso do talento na fase de creación ata a promoción, comercialización e exhibición dos traballos, pasando pola súa preprodución, rodaxe e posprodución. A súa prioridade é tanto atender as necesidades máis inmediatas das produtoras como sentar as bases para a consolidación e impulso do sector a medio e longo prazo.

De feito, segundo un recente informe elevado ao Consello da Xunta sobre as medidas de fomento do audiovisual galego inseridas no Plan Xeración Cultura, o Goberno galego está a incentivar o bo momento creativo e empresarial do sector mediante oito liñas de subvencións que suman preto de 7,4 millóns de euros. O documento fai fincapé, así mesmo, no efecto multiplicador do investimento público no cinema e na televisión feitos en Galicia, de xeito que os 23,4 millóns de euros adxudicados entre 2012 e 2022 en axudas á produción de 165 proxectos (123 longametraxes, 26 curtas e 16 series) mobilizaron orzamentos por un valor conxunto de preto de 123 millóns de euros e xeraron un emprego anual estimado en 1.863 persoas.

20 de marzo de 2023 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.