publicidade hoxe

O Sergas publica a relación provisional de admitidos e excluídos no proceso selectivo de estabilización mediante concurso de méritos das categorías de enfermería e médico de familia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se aproban as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de persoal de enfermería e médico/a de familia.

Esta é a primeira fase do proceso de estabilización anunciado polo Servizo Galego de Saúde en decembro do ano 2022, e convocado con prazo de solicitude que remataba o 16 de febreiro. Nun mes, publicanse xa as listas de participantes no proceso extraordinario.

Nesta convocatoria, resultaron admitidas provisionalmente 3.079 persoas, para un total de 501 prazas.

En concreto, o número total de prazas convocadas neste proceso de concurso de méritos extraordinario para a categoría de enfermería é de 459. Ademais, súmanse a estas as 1.556 prazas ofertadas polo sistema de concurso oposición.

Para a categoría de médico/a de familia ofértanse 42 prazas polo sistema de concurso de méritos, e 150 prazas mediante concurso oposición.

Neste proceso de concurso de méritos resultaron admitidos/as, con carácter provisional, un total de 2.730 aspirantes na categoría de enfermería, e 349 en médico/a de familia. Do total de admitidos, 75 teñen o seu domicilio fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Os aspirantes excluídos/as ou que non aparezan na lista de admitidos/as ou excluídos/as, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 27 de marzo) contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os/as aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Redución da taxa de temporalidade

Este proceso excepcional mediante concurso de méritos, xunto cos procesos convocados mediante concurso oposición para un total de 105 categorías de persoal estatutario, que se resolverán como máximo en dous anos, teñen por obxecto controlar e reducir a taxa de temporalidade no Sistema Sanitario Público de Galicia, para rebaixar a taxa actual e acadar no ano 2024, trala execución dos procesos previstos unha taxa por debaixo do 8%, como marca a Lei 20/2022.

Actualmente están en desenvolvemento os procesos selectivos para un total de 105 categorías de persoal estatutario, mediante procesos de concurso de méritos e concurso oposición que permitirán a incorporación de 5.585 profesionais como persoal fixo.

Próximas publicacións

Esta mesma semana se publicarán as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo de concurso oposición para a categoría de enfermería.

Unha vez transcorrido o prazo de reclamacións, publicaranse as listas coa baremación provisional, estando previstas para o mes de abril.

13 de marzo de 2023 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.