publicidade hoxe

O proxecto de execución da 2ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis, en Vigo, suporá un investimento de 4,1 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción das obras da 2ª fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia, completando así a remodelación para os veciños deste eixo vertebrador da parroquia de Teis, no Concello de Vigo.

Esta nova intervención suporá un investimento da Xunta na estrada autonómica PO-323 de 4,1 M€, no que se inclúe o pagamento dos 54 predios necesarios para a execución das obras desta 2ª fase da actuación nesta vía de entrada da cidade.

A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 23 de febreiro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública desta nova intervención da Xunta en Vigo, que ten como obxectivo fomentar a mobilidade sostible na zona. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/K2r9D4

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé licitar as obras neste mes de marzo, e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre deste ano, co obxectivo de comezar os traballos no outono. A actuación ten un prazo de execución de 14 meses.

O detalle da intervención

Esta nova intervención completará as actuacións da 1ª fase de humanización desta vía no treito de 500 metros que vai desde a avenida da Mariña Española ao IES de Teis, cun investimento da Xunta de 2,45 M€. Prevese que as actuacións desta 1ª fase comecen na segunda quincena de abril.

Máis concretamente, nesta 2ª fase de humanización da PO-323 actuarase no treito de 1,56 quilómetros comprendido entre o límite municipal de Vigo co municipio de Redondela ata o IES de Teis, tendo como obxectivo o reforzo da seguridade viaria, priorizando os peóns, nesta vía de acceso á cidade con características urbanas.

O proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta configúrase para fomentar a mobilidade segura e sostible, así como para mellorar a mobilidade interna na cidade de Vigo, para o que se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a senda da vía verde.

Nesta actuación incluirase a reposición de pavimento dos itinerarios existentes, a execución de zonas de aparcadoiros e a habilitación de pasos peonís sobreelevados nas interseccións que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís. Nas zonas onde o espazo dispoñible o permite disporase arborado.

Ademais, non se prevén cambios sobre o trazado en planta, senón unha redistribución das seccións para habilitar itinerarios e os elementos funcionais, e tamén se mantén a rasante da estrada existente.

Tres novas zonas de aparcadoiros e 75 prazas máis de estacionamento

En canto aos novos aparcadoiros, está previsto dotar tres novas zonas cun total de 167 prazas, o que unido ás prazas que se conservarán nas marxes da estrada, implica que haberá 273 prazas no ámbito da obra. Así, gañaranse 75 prazas con respecto ás 198 actuais, un incremento do 38 %.

Tras a análise das achegas recibidas, procederase a retranquear o saínte da vivenda no número 293 da avenida de Galicia, igualándoo coa aliñación da edificación contigua. Tamén se valorará a expropiación do terreo e a expropiación da parte da vivenda a demoler, e incluirase a reconstrución do resto da vivenda, dentro das obras a realizar.

Como resultado das alegacións, tamén se levará a cabo o reforzo da semaforización no acceso ao Colexio Público San Salvador e a mellora de instalación semafórica no cruzamento entre Baixada á Rotea e a avenida de Galicia.

A Xunta impulsa esta actuación ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration-EU.

A Xunta continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.

En concreto, a Xunta leva investido desde abril de 2009 na rede autonómica de estradas en Vigo máis de 25 M€; coa 2ª fase da humanización da PO-323 superaranse os 29 M€ de investimento; e sumada a achega para a mellora da mobilidade peonil e ciclista no borde portuario da cidade acadaríanse os 32,6 M€ investidos.

10 de marzo de 2023 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.