O CGAC exhibe unha retrospectiva da obra de Olga Mesa, unha das figuras clave da nova danza contemporánea española dos 80
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou esta mañá a mostra Re-Visión(s). Pecho os ollos e prepárome para dar o gran salto, que pode visitarse no CGAC desde hoxe ata o 11 de xuño. “Unha exposición –destacou– que percorre o traballo multidisciplinar de Olga Mesa, unha figura clave da nova danza contemporánea española de finais dos 80, que ademais foi unha precursora na investigación das relacións entre o audiovisual e o corporal, entre outros ámbitos”.
Tal e como sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Olga Mesa desenvolve na súa obra unha dramaturxia experimental que se sitúa entre a danza, a performance, o cine e a instalación e que interpela directamente ao espectador, ao que converte en axente da representación. ”Isto fai que cada persoa poida construír o seu propio relato da obra baixo o seu propio percorrido persoal e a súa mirada”, explicou.
A exposición que se inaugura hoxe no CGAC é unha retrospectiva que inclúe unha selección de pezas relevantes pensadas como un itinerario guiado por textos, vídeos, imaxes e corpos. Deste xeito, constrúe un percorrido inmersivo nas tres últimas décadas da obra de Olga Mesa a través dos espazos expositivos, un ritual de coñecemento da metodoloxía, os modos de exploración e os relatos da artista.
Na presentación participaron tamén o director do CGAC, Santiago Olmo; a comisaria da mostra, Nekane Aramburu; a propia Olga Mesa e o seu colaborador Francisco Ruiz de Infante. Ambos artistas ofrecerán esta tarde na apertura da exposición tres performances en diferentes espazos do CGAC.
Taller cos artistas
No marco da exposición Re-vision(s). Pecho os ollos e prepárome para dar o gran salto, o CGAC organiza o 18 e 19 de marzo un taller da man de Olga Mesa e Francisco Ruiz de Infante dirixido a interesados na danza, no que se afondará no corpo como soporte narrativo. O traballo colectivo adoptará a forma dun percorrido pola exposición e deterase en certas instalacións especificamente pensadas para seren activadas mediante performances.
Tras estas xornadas, convidaranse a dúas das persoas participantes para que continúen a aventura cunha sesión de taller complementaria o 20 de marzo co fin de preparar un programa de performance que terá lugar os tres últimos sábados dos meses de marzo, abril e maio, mentres a exposición está en curso.
Esta proposta enmárcase na programación da Xunta de Galicia para celebrar o 30 aniversario do CGAC, composta por medio centenar de actividades que inclúen exposicións intervencións artísticas, congresos, concursos, talleres ou publicacións para repasar en poñer en valor a historia do CGAC e analizar os restos de futuro do museo.