O CDG coproducirá a montaxe teatral de Bailar no ceo, texto gañador da II Bolsa de Dramaturxia e Creación
A compañía Xerpo é a gañadora da segunda fase da Bolsa de Dramaturxia e Creación, desenvolvida pola Xunta de Galicia coa colaboración de diversos colectivos do sector cultural galegos, de acordo coa que coproducirá co Centro Dramático Galego o texto Bailar no ceo, escrito por Ana Abad de Larriva como vencedora da primeira fase desta mesma iniciativa.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo pública a resolución coa que se completa a segunda edición desta Bolsa de Dramaturxia e Creación, impulsada pola compañía pública galega co fin de ofrecer un acompañamento integral a unha peza teatral, desde a propia escrita ata a súa produción e posterior distribución. O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e o profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Ricardo Solveira, en representación da comisión de selección, participaron tamén neste acto, no que se lle fixo entrega a Xerpo do trofeo acreditativo da adxudicación.
Historia duns pioneiros galegos
A compañía do Porriño recibirá unha achega de 12.000 euros para materializar, no prazo dun ano, un espectáculo teatral a partir de Bailar no ceo. A historia de José Piñeiro, primeiro aviador galego e moi famoso polas súas arriscadas acrobacias aéreas, e Chichana Patiño, primeira muller en pilotar un avión en España e probablemente en Europa, inspira o texto de Ana Abad de Larriva, cunha temática atractiva e innovadora que permite a recuperación de figuras históricas e potencia a lembranza de mulleres pioneiras en distintos campos.
No proxecto seleccionado para levalo ás táboas, Xerpo presenta unha proposta multidisciplinar baixo a dirección de Irene Moreira, que combina teatro, pintura en directo, canto e deseño de trebellos a partir das interpretacións de Cora Velasco como Chichana, Álex Sobrino como Piñeiro e a propia Ana Abad de Larriva, quen compartirá co público os seus sentimentos e sensacións ao ver os seus pensamentos materializados en escena. Pola súa banda, a escenografía estará asinada por Beatriz de Vega e os audiovisuais correrán a cargo do artista multidisciplinar Roi Fernández, quen filmará tamén un documental a partir deste proxecto.
Con Bailar no ceo, que ten previsto o inicio dos ensaios en agosto, Xerpo continuará afondando na súa liña de traballo arredor das novas dramaturxias e as novas tendencias escénicas tanto cos seus espectáculos propios como co labor de programación que desenvolveu ata 2020 á fronte da Sala Ingrávida do Porriño.
A súa traxectoria comezaba en 2008 con Salpicados, de Irene Moreira, unha obra moi persoal que define o gusto estético da compañía. Seguíronlle, entre outros títulos, Mac… Yes, we can!, Antibióticos, Morgue, MetamorfoseS ou Casquería e outras vísceras, coa que apostan ademais polo emprego de elementos tecnolóxicos para dar vida, risco e outros significados escénicos aos seus espectáculos.
Bailar no ceo tomará o testemuño de Relato para un incendio, espectáculo de aAntena a partir do texto homónimo co que Ernesto Is conseguiu a Bolsa de Dramaturxia na súa primeira edición. Incorpórase, así mesmo, á relación de compañías coas que o Centro Dramático Galego está a desenvolver unha intensa actividade de coprodución, que compaxina co seu programa de producións propias.
Dentro deste último e coincidindo coa semana na que se celebra o Día Mundial do Teatro, a compañía da Xunta de Galicia simultaneará a posta en escena de dous dos seus espectáculos coa estrea este venres 31 no Salón Teatro de Santiago de Un hotel de primeira sobre o río, a partir da obra de Xohana Torres, e as últimas cinco funcións de Shakespeare en Roma no Pazo de Fonseca.