publicidade hoxe

O 98% dos concellos galegos teñen acceso a servicios financeiros, fronte ao 60% da media de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurensePortada esquerdaPunxín
A-
A+

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñou hoxe que 98% dos concellos galegos teñen acceso a servizos financeiros, fronte ao 60% da media española, o que converte a Galicia na segunda comunidade autónoma de España coa maior porcentaxe de concellos no seu territorio no que os veciños e veciñas teñen garantida a accesibilidade a estes servizos.

Miguel Corgos, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asinou hoxe cos alcaldes de Punxín e Toén, sendos convenios para a posta en marcha de servizos financeiros nestes municipios.

Estes convenios enmárcanse no novo prazo de adhesión aberto en febreiro ao protocolo de colaboración asinado entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e dirixido a aqueles concellos que na actualidade aínda non contaban con servizos financeiros.

Unha vez que se remate esta segunda rolda, o 99% dos concellos galegos terán acceso aos servizos financeiros no seu propio municipio, co que se cumpre o obxectivo da Xunta de loitar contra a problemática que supoñía o acceso aos servizos bancarios no rural, evitar a exclusión financeira e promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros.

Esta iniciativa á que xa se adheriran 36 concellos e se beneficiaron máis de 51.000 galegas e galegos na primeira fase, permitiu que os veciños tiveran caixeiros automáticos nos seus municipios; dispuxeran dun servizo de asistencia financeira para solucionar calquera dúbida e poder contratar produtos igual que nunha oficina bancaria convencional; así como a oportunidade de recibir formación financeira e banca electrónica para que poidan utilizar tamén os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

Tras o éxito destas medidas para loitar contra a exclusión financeira, o Goberno galego abriu un novo prazo para que os municipios que aínda non se adheriron a este convenio o puidesen facer se o desexaban. Nesta nova fase adheríronse cinco concellos: Punxín, Toén, Beade, Castrelo do Val e Ribeiras de Sil.

13 de marzo de 2023 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.