publicidade hoxe

Galicia duplicará a súa capacidade para a hospitalización con ingreso de pacientes infantís e xuvenís de saúde mental coa construción dunha nova unidade no Álvaro Cunqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

A Xunta vai duplicar a capacidade da sanidade pública galega para dar resposta aos casos que necesiten hospitalización con ingreso para patoloxía psiquiátrica aguda grave nos pacientes máis novos, coa construción dunha nova unidade no Hospital Álvaro Cunqueiro. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao hospital vigués para explicar as características da nova unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil de referencia para o sur de Galicia, acto no que estivo acompañado pola delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, e polo xerente da área, Javier Puente.

Segundo remarcou Comesaña, esta nova obra, que se instalará nunha superficie de 740 metros cadrados, ten un prazo de execución de catro meses e iniciarase en canto se formalice o contrato que a Xunta acaba de adxudicar por 1,3 millóns de euros, “co que á volta do verán estará duplicada a capacidade do Sergas para atender ingresos de saúde mental de mozos e mozas”, apuntou o titular de Sanidade.

A nova unidade contará cunha dotación inicial de 12 profesionais, dos que un efectivo será de psiquiatría, un de psicoloxía, tres de enfermería, un de traballo social e seis técnicos de coidados auxiliares de enfermería. Tal e como sinalou o conselleiro, parte deste conxunto de profesionais incorporaranse a través do concurso de méritos anunciado pola Xunta para prazas prioritarias.

A estes 12 profesionais haberá que engadir outros 8 da área, co que a unidade terá un total de 20 profesionais: 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 traballador social, 1 terapeuta ocupacional, 7 enfermeiras e 8 técnicos en coidados auxiliares de enfermería.

Máxima prioridade

Na súa intervención, Comesaña subliñou que a saúde mental dos nenos, nenas e adolescentes é hoxe un tema de máxima prioridade clínica, mediática e social, e así queda reflectido pola Xunta a través do Plan de Saúde Mental aprobado no 2020, no que se comprometía á creación de hospitais de día infanto xuvenís en todas as áreas sanitarias. “Un reto que estamos a cumprir poñendo en marcha, no último ano e medio, os de Vigo, Santiago, Ourense e Lugo e, neste ano, comezarán a funcionar os de Ferrol e Coruña, e no 2024 pecharemos o compromiso co inicio do de Pontevedra”, aseverou.

O de Vigo, que foi o primeiro en poñerse en marcha en setembro de 2021, atendeu xa máis de 1.500 consultas. En cada unha destas unidades, o conselleiro sinalou que se contratou un novo profesional de psiquiatría, un de psicoloxía clínica, un de traballo social e outro de enfermería especializada. Comesaña apuntou que estas unidades son “recursos fundamentais” para evitar os ingresos dos rapaces e rapazas a través de terapias intensivas.

Para aqueles rapaces cuxos ingresos non se poden evitar, o responsable do Sergas dixo que o Plan de Saúde Mental preveu reforzar a capacidade da sanidade pública para atendelos. Por iso, este plan comprometeu a creación dunha segunda unidade que complementase á existente en Santiago e que funcionase como referencia para todo o Sur de Galicia. A tal efecto, o conselleiro agradeceu a presenza no acto de hoxe de profesionais doutras áreas sanitarias.

Un total de 241 novos profesionais

Comesaña considerou fundamental o persoal que hai detrás destas novas unidades. Así, o obxectivo do Plan de Saúde Mental é completar, a finais do vindeiro ano, un total de 241 novas contratacións de profesionais. “Imos polo bo camiño, xa que os orzamentos da Xunta para este ano son superiores en dez millóns de euros aos anteriores ao Plan, e o Goberno galego xa contratou a máis de 130 profesionais”, valorou.

Así mesmo, o obxectivo da Xunta é que esas novas prazas se cubran de xeito estable. Por iso, segundo explicou o conselleiro, impulsouse unha Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura, na que se inclúen as de primaria, as dos hospitais comarcais e as dos servizos de saúde mental. Ademais, adiantou que neste mesmo ano se van poder cubrir por concurso de méritos máis de 170 prazas de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista, das que 39 serán na área sanitaria de Vigo.

Tamén destacou o novo protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil, “grazas ao que se crearon as vías rápidas de derivación en saúde mental”, valorou. Así mesmo, a Xunta creou unidades de prevención do suicidio en todas as áreas sanitarias.

O conselleiro enxalzou que con todas estas medidas o Goberno galego demostra que leva tempo traballando no campo da saúde mental “e que ten o compromiso de continuar avanzando nesta materia”, concluíu.

20 de marzo de 2023 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.