publicidade hoxe

Galicia aposta no comité europeo das rexións por captar talento nas áreas en declive demográfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana na segunda sesión plenaria deste ano do Comité Europeo das Rexións (CdR), na que se debateu sobre unha resolución centrada en como aproveitar o talento nas rexións de Europa. No encontro interveu tamén a vicepresidenta de Democracia e Demografía da Comisión Europea, Dubravka Šuica.

A resolución do CdR responde ao Mecanismo para o impulso do talento, anunciado en xaneiro pola Comisión Europea, que suxire varias medidas para axudar as rexións máis afectadas polo declive demográfico e a fuga de talento dos seus territorios. O CdR destaca exemplos de políticas locais para reter ou atraer poboación, como os programas de coaching, a implicación dos mozos na procura de solucións a retos locais ou as campañas de información para promover a vida fóra das cidades densamente poboadas, aproveitando as oportunidades que ofrece o traballo a distancia. O perfeccionamento e reciclaxe profesional para adaptarse ás necesidades cambiantes do mercado laboral é outro dos grandes apartados desta resolución.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou a atención que está a prestar a UE agora a este tema, xa que se pode ver “unha clara diferenciación entre as zonas que absorben talento e poboación e aquelas que están a perdelo ”. Galicia non se atopa entre as 82 rexións identificadas pola Comisión Europea por estar nunha “trampa de desenvolvemento do talento”. A este respecto, Gamallo destacou os esforzos da Xunta por atraer talento á comunidade, como a Estratexia Galicia Retorna ou a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia .

O Comité Europeo das Rexións tamén aprobou un ditame referido á futura lei europea de Liberdade dos medios de comunicación, no que apoia os esforzos desta proposta por salvagardar o pluralismo e independencia. A Xunta salienta a necesidade de ampliar os ámbitos territoriais de cobertura tradicionais, facilitando os sinais audiovisuais entre comunidades transfronteirizas, e apoia o establecemento dun marco europeo de coordinación para as novos órganos reguladores que están a crearse.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa, como oficina de representación da Xunta de Galicia en Bruxelas, presta apoio á participación galega nesta asemblea.

17 de marzo de 2023 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.