publicidade hoxe

Construír Cultura Solidaria desde a Universidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

libro comunicacion solidariaA publicación de Comunicación solidaria no capitalismo dixital. Teorías, metodoloxías e prácticas, coordinado por Victor Manuel Marí Sáez, ofrece unha excelente oportunidade para reflexionar sobre a contribución da Universidade a consolidar a cultura da solidariedade na sociedade. O libro da editorial Gedisa propón una mirada interdisciplinar e integradora da comunicación solidaria, desde as ciencias sociais e políticas e a súa lectura é moi recomendable para todas as persoas implicadas na construción dun mundo máis xusto.

A cultura solidaria consiste na actitude e compromiso de transformar a realidade na procura dunha maior xustiza social e a loita contra as desigualdades. Fronte ás propostas do capitalismo e neoliberalismo, xurde a necesidade de construír unha nova realidade posible que contribúa a proxectar un futuro comunitario, baseado nun modelo sustentable, no reparto da riqueza e na defensa do ben común.

É necesario promover un novo modelo de cidadanía implicada activamente na consecución dun mundo máis equitativo e sostible, comprometida co respecto e valoración da diversidade, a defensa do medio ambiente, o consumo responsable e o respecto dereitos humanos individuais e sociais. O devandito libro é unha interesante achega desde a Universidade a este escenario.

O campo da comunicación para o desenvolvemento e o cambio social ten pasado por diversas etapas no seu proceso de incorporación á investigación española en materia de comunicación. O volume indica que os discursos solidarios tenden a moverse máis no marco hexemónico e asistencia de axuda que no marco alternativo e transformador, limitando ou imposibilitando a posta en marcha de procesos de transformación da realidade no plano estrutural. Hai que eliminar o discurso de culpa e caridade, que producen cansazo e apatía, e pasar a un discurso da responsabilidade. Trátase de evolucionar desde unha ética de compaixón e sentimento de mágoa ata unha ética da xustiza social. O verdadeiro desenvolvemento non é o mero crecemento económico senón que debe integrar a redistribución da riqueza e a eliminación das desigualdades.

A solidariedade, é unha tendencia en constante crecemento que actualmente se converteu nun movemento promovido polas redes sociais e as novas tecnoloxías. As entidades completan un paulatino proceso de incorporación aos escenarios dixitais, sen contar cos recursos profesionais suficientes para explorar o potencial da comunicación nesas contornas. Para lograr que a xente participe, primeiro é preciso chegar a ela. 

En definitiva, o que se propón é cambiar o paradigma baseado no consumismo e materialismo e crear unha sociedade máis humanista, que xire en torno á persoa, apostar por valores, potenciar o crecemento persoal e o desenvolvemento social, ter unha visión máis ampla e xusta do mundo no que vivimos.

É necesario facer consciente á xente das situación de desigualdade e dar un paso para que tomen conciencia, reflexionen, adopten unha serie de principios e se mobilicen. A Universidade ten a obriga de contribuír á creación desta cidadanía activa que combata a desigualdade e procure a xustiza social. Desde este punto de vista, o libro de Victor Mari Sanz é un excelente exemplo para crear conciencia.

22 de marzo de 2023 | 15:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.