publicidade hoxe

Aprobado o proxecto básico das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa que suporá un investimento de preto de 14 M€

A Xunta vén de aprobar o proxecto básico das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa que suporá un investimento de preto de 14 millóns de euros.

Unha vez definida a idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións, agora o contrato de redacción disporá dun prazo de 5 meses para desenvolver este proxecto básico como proxecto de execución.

O proxecto, derivado do proceso de redacción e supervisión, incorporou un novo ascensor ao centro de saúde, que contará con dous para os usuarios e un para o persoal.

O novo centro de saúde, que disporá dunha superficie construída de máis de 8.300 metros cadrados, formúlase con forma de dobre U xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte. Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, serven de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e do PAC, respectivamente.

O Plan funcional previsto prevé tres consultas de medicina xeral máis ata chegar ás 17, 4 máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a 5 de cada.

As instalacións contarán tamén con 2 consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

Ademais, o centro terá 5 consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.

Este proxecto enmárcase no convenio asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Vilagarcía de Arousa. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde sitúanse na avenida da Mariña e foron terreos portuarios da antiga comandancia que poderán ser postos a disposición da Xunta grazas a un protocolo asinado entre Xunta, Concello e Autoridade Portuaria.

Este complexo é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, con 51 obras de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

13 de marzo de 2023 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.