publicidade hoxe

A Xunta publica a aprobación do proxecto de construción dos aparcadoiros disuasorios para fomentar o vehículo compartido na comarca do Salnés cun investimento de máis de 1 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado para a execución de dous aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións, na comarca do Salnés.

Esta intervención, que suporá un investimento de máis de 1 millón de euros, permitirá impulso destes aparcadoiros nos concellos de Vilagarcía de Arousa e de Ribadumia, respectivamente, que disporán en conxunto dun total 136 prazas de estacionamento.

A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 16 de febreiro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste novo proxecto na comarca do Salnés. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/waeIY5.

En concreto, o primeiro dos aparcadoiros disuasorios localizarase nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía (VG-4.3) e da N-640, no lugar de Coruxo, no municipio de Vilagarcía de Arousa; e un segundo na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés (AG-41) e a VG-4, no núcleo de Barrantes, en Ribadumia.

Cómpre lembrar que o departamento de Infraestruturas da Xunta someteu a información pública en novembro do pasado ano xunto a estas dúas intervencións un terceiro proxecto para impulsar un terceiro aparcadoiro na estrada autonómica PO-305, preto de Saiar, no municipio de Caldas de Reis.

No citado trámite de información pública recibiuse unha alegación dun particular na que se fai referencia a uns dereitos previos por estar en tramitación a construción dunha gasolineira sobre o terreo no que se tiña previsto a execución do aparcadoiro disuasorio nesta vía autonómica, polo que se adoptou a decisión de non continuar coa súa execución.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas das expropiacións necesarias no segundo trimestre deste ano. A licitación das obras será independente para cada un dos dous aparcadoiros e prevese realizar neste mes de marzo para poder comezar os traballos tras o verán. O prazo de execución é de 5 meses.

Os novos aparcadoiros

En concreto, o aparcadoiro proxectado no municipio de Vilagarcía de Arousa, executarase nun recheo xa existente adxacente á glorieta do enlace da V.G.-4.3 coa N-640, de 1.950 m2 e cunha capacidade para un total de 59 prazas, 9 delas en liña e o resto en batería. Do total de prazas, 2 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida.

Nesta intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta, o novo aparcadoiro disporá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación que serán de sentido único.

Tamén, polo perímetro exterior do aparcadoiro disporase unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá o arborado e o alumeado.

Ademais, na marxe dereita das prazas en liña que se atopan no bordo este disporase unha franxa de lastro de 1,00 m para facilitar o descenso dos usuarios do vehículo, cunha varanda de madeira de 90 centímetros de alto e 40 metros de largo; e na súa marxe esquerda disporase dunha franxa de 1,50 metros en formigón desactivado como itinerario peonil. Para o acceso a este aparcadoiro será necesario acondicionar o vial de acceso existente.

O estacionamento disuasorio que se situará nas proximidades do núcleo de Barrantes, en Ribadumia, distribuirase nunha superficie de 2.815 m2 sobre unha explanada adxacente á estrada provincial EP-9405 e bordeada polo rego de San Martiño, xa dedicada a estacionamento de vehículos. Terá unha capacidade de 77 prazas, todas en batería, con dúas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Do total de prazas, 26 disporanse nunha illa central que se rodeará dunha franxa perimetral para tránsito peonil de 1,80 metros e carrís de circulación que serán de 4,20 metros de ancho e de sentido único. O resto das prazas dispoñeranse nos bordos da estrada e do leito do río separadas de estes por unha beirarrúa de 2,50 metros de ancho.

Na intervención actuarase no perímetro exterior do aparcadoiro e na illa central, para dispor unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá arborado e o alumeado. Ademais, para o acceso ao aparcadoiro acondicionarase o vial de acceso existente reforzando o firme en todo o ancho da plataforma, elevando o paso de peóns existente e executando un paso de peóns novo.

Este segundo aparcadoiro disporá tamén de 80 metros de varanda para protexer a caída ao leito do río San Martiño e 52 metros de valado para illar a finca colindante.

A Xunta con estas dúas novas intervencións incide no fomento do uso compartido de vehículos, que neste caso favorece as viaxes entre a zona do Salnés e as áreas de Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela e deste xeito contribuír á implantación de zonas de baixas emisións nelas.

Estas actuacións forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destinará este ano un investimento de 29,3 M€, que inclúe aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas e os investimentos nas estacións intermodais, como a da Coruña, agora mesmo en execución.

10 de marzo de 2023 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.