publicidade hoxe

A Xunta pon en valor a intelixencia artificial aplicada ao sector vitivinícola cun seminario técnico no marco do proxecto transfronteirizo VINIoT

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza hoxe un seminario técnico no marco de VINIoT, proxecto transfronteirizo cuxo obxectivo é a creación dun novo servizo tecnolóxico de monitorización de viñedos para manter aos viticultores informados do estado dos seus cultivos e poder facer unha pronta detección dos problemas que poidan sufrir as viñas. Este seminario -que se celebra no pazo de Toubes, en Cenlle- será clausurado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

O seminario, centrado nas metodoloxías en intelixencia artificial e nas súas aplicacións no viñedo, enfócase cara á transformación dixital das empresas do sector vitivinícola. O seu fin é formar aos potenciais usuarios destas tecnoloxías nas distintas ferramentas de monitorización do viñedo.

Este servizo busca conseguir que as pequenas e medianas empresas do sector poidan controlar as súas plantacións en tempo real con diferentes niveis de precisión. Esta monitorización é posible grazas a unha rede de sensores que segue unha arquitectura baseada no Internet das cousas e cuxo volume de información se procesa a través de intelixencia artificial a partir dos parámetros obtidos.

O seminario de hoxe enmárcase nas accións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia ao abeiro do proxecto VINIoT, entre as que se atopou tamén un obradoiro o ano pasado para dar a coñecer, a través de presentacións técnicas dos distintos socios, os avances do proxecto, que implica socios de Galicia, A Rioxa, Portugal e Francia. Daquela, produciuse tamén unha visita ao viñedo experimental situado nas instalacións da Estación en Leiro, dentro dunha sesión práctica na que se describiu o sistema VINIoT.

10 de marzo de 2023 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.