publicidade hoxe

A Xunta incorpora 722 novos elementos ao inventario de zonas húmidas de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta acaba de incorporar 722 elementos ao Inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro autonómico no que se inclúe información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo existentes na Comunidade.

Con este inventario perséguese estandarizar e organizar toda a información dispoñible relativa ás zonas húmidas, tanto xeral como territorializada, co propósito de dispoñer dunha base de referencia para os cambios futuros e proporcionar unha ferramenta para a planificación e xestión do patrimonio natural.

Neste sentido, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que se inclúen no inventario 400 novas zonas húmidas no conxunto da Comunidade, espazos que suman máis de 43.000 hectáreas de superficie e algunhas das cales abranguen varios elementos que pola súa singularidade merecen ser incluídos neste catálogo.

Destaca especialmente a provincia da Coruña, que alberga 116 das 400 zonas húmidas (e un total de 215 elementos) que se acaban de incorporar ao rexistro galego e que, de feito, se caracteriza por ser especialmente rica neste tipo de ecosistemas. Completan a listaxe os 101 humidais da provincia de Lugo (196 elementos); os 108 humidais de Ourense (con 149), e os 101 pertencentes a Pontevedra (162 elementos).

A relación de todos os elementos inventariados e a súa xeolocalización xa está á disposición da cidadanía a través do visor do patrimonio natural galego do IET.

Actualmente, cómpre subliñar que as zonas húmidas son espazos escasos e delicados, que proporcionan un gran número de recursos e constitúen un valioso patrimonio cultural e natural.

Neste sentido, cómpre lembrar que a finalidade do inventario de zonas húmidas é protexer e destacar o importante papel que xogan os humidais desde o punto de vista do coidado e da protección da biodiversidade, incluíndo nel aqueles sistemas naturais, seminaturais ou artificiais que poidan ser adscritos a algún dos tipos establecidos na clasificación de zonas húmidas do Convenio Ramsar.

A Xunta é consciente da súa importancia e por iso impulsa toda unha serie de medidas co fin de promover a conservación e posta en valor destes espazos naturais, que na Comunidade contan cunha grande variedade e, no seu conxunto, albergan unha notable riqueza de flora e fauna, entre a que destacan taxons ameazados e hábitats prioritarios.

De feito, Galicia é a cuarta comunidade española con máis humidais incluídos na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo e do que gozan seis zonas húmidas galegas: a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.

13 de marzo de 2023 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.