publicidade hoxe

A Xunta impulsa a elaboración da primeira Estratexia galega contra o idadismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerda
A-
A+
Fabiola García na reunión con membros da Cátedra de Idadismo da UVigo

Fabiola García na reunión con membros da Cátedra de Idadismo da UVigo

A Xunta impulsará a elaboración da que será a primeira Estratexia galega contra a discriminación por idade. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, reuniuse hoxe con membros da Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo, co fin de avanzar neste documento que permitirá estudar, reflexionar e formular propostas para erradicar os estereotipos e a discriminación contra as persoas maiores.

Fabiola García explicou que mediante esta estratexia, pioneira en Europa, actuarase contra o idadismo desde distintos ámbitos. Un deles é o político e o lexislativo, co impulso de normativas que impidan este fenómeno; outro é o educativo, para corrixir conceptos ou estereotipos sobre os distintos grupos de idade; e un terceiro eixe de intervención céntrase no campo social, a través da promoción de máis encontros interxeracionais que faciliten a interacción entre persoas de distinta idade.

Galicia converteuse no ano 2022 na primeira Comunidade de toda España en ter unha Cátedra de Idadismo, concibida para transformar a maneira de pensar, de sentir e de actuar ante o envellecemento. A súa creación contou coa colaboración do Executivo autonómico, da Universidade de Vigo, de Afaga e Atendo.

Ademais, a Xunta está a impulsar nos últimos anos máis programas e servizos que responden ás novas necesidades das persoas maiores. Este é o caso das accións de voluntariado interxeracional, das aulas sénior e dos convenios de colaboración coas tres universidades públicas galegas ou das iniciativas de ocio activo para o desfrute do tempo libre como a proposta Benestar en balnearios.

27 de marzo de 2023 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.