publicidade hoxe

A Xunta imparte cursos para mellorar as comunicacións durante os incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta está a impartir diversos cursos sobre comunicacións nos incendios forestais. Cada unha destas formacións consisten nunha xornada práctica e presencial que están dirixidas ao persoal do Servizo de prevención de incendios forestais pertencente a categorías que empregan emisoras.

Así, durante o curso, os asistentes fórmanse fundamentalmente sobre o uso das funcións tanto básicas como avanzadas dos equipos de comunicación móbiles e portátiles e no manexo dos intercomunicadores de brigadas.

O obxectivo deste curso é dotar ao persoal de todos os distritos dun coñecemento homoxéneo das funcións e do funcionamento do sistema de comunicacións para que se familiaricen coas emisoras da rede dixital Tetra (acrónimo en inglés para sistema de “Radio Troncal Terrestre” – Terrestrial Trunked Radio), que constitúe un estándar de comunicación europeo para misións relacionadas coas emerxencias.

Tamén se aporta formación específica para as comunicacións e sectorizacións no Sistema Estrutural de Mando Operativo (Semop), deseñado e implantado pola Consellería do Medio Rural especificamente para a extinción de incendios forestais en Galicia. Este sistema clasifica os lumes segundo a súa gravidade, grao de complexidade e o número de equipos mobilizados, establecendo protocolos e postos determinados, así como normas para a correcta sectorización das comunicacións e a asignación de grupos de comunicación nos lumes de acordo co seu nivel de complexidade.

Este curso inclúese dentro do Plan de formación para o Servizo de prevención e extinción de incendios forestais para o período 2021-2024, que busca potenciar esa formación coa finalidade última de reforzar a anticipación, a extinción e a investigación dos lumes forestais en todo o territorio galego.

20 de marzo de 2023 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.