publicidade hoxe

A Xunta habilita desde o día 3 de abril unha nova liña de autobús para mellorar as conexións entre O Morrazo e os hospitais de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade habilitará desde o día 3 de abril unha nova liña de autobús para mellorar as conexións entre o Morrazo e os hospitais de Vigo.

A nova liña directa incluirá dúas expedicións que optimizarán a oferta de servizos entre Cangas e Vigo, mellorando así as conexións do Morrazo cos hospitais e atendendo as demandas trasladadas, aínda que diverxentes, polos concellos de Cangas e de Moaña.

Os dous servizos funcionarán durante todo o ano, de luns a venres, ás 06,40 horas con percorrido estación de autobuses de Cangas-Meixoeiro-Álvaro Cunqueiro no sentido de ida. A volta será ás 15,15 horas. Estes servizos complementarán a oferta existente, que se manterá como ata agora nas fins de semana.

Ambos os dous servizos contemplan unha ruta sen paradas no casco urbano de Vigo e, polo tanto, redúcense os tempos de viaxe a menos dunha hora, contribuíndo a garantir a puntualidade do persoal aos centros hospitalarios e axilizando a chegada aos seus fogares.

No sentido de ida, ás 06,40 horas, esta nova expedición complementará ao servizo da liña que mantén as paradas no centro da cidade, que tamén sae á mesma hora e realizará a ruta ata a rúa Pizarro. Estes axustes adaptan a oferta ás diferentes necesidades de mobilidade dos usuarios do Morrazo e evitan as incidencias por alta demanda que ocasionaban a activación dun vehículo adicional.

Así evítase a duplicidade de itinerarios, dando resposta ás necesidades das persoas con destino Hospital Álvaro Cunqueiro, arredor do 69% do total da liña con paradas no centro, dos cales 3 de cada 10 usuarios se concentraban na expedición das 06,40 horas.

Coa posta en marcha desta nova liña dáse cumprimento ao anuncio realizado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o pasado mércores no Pleno do Parlamento, mellorando o servizo dos veciños do Morrazo cara aos centros hospitalarios da cidade olívica.

Ata o momento, a oferta de autobuses que conectaba o Morrazo con Vigo comprendía 8 liñas, 54 servizos diarios, de luns a venres, desde as 5 da mañá ata ás 10 da noite. 6 destas liñas conectaban cos hospitais con 13 servizos diarios desde as 06,40 horas da mañá á última da tarde e 15 servizos de volta, desde as 08,10 horas ás 22,15 horas.

Cómpre lembrar que, tras o pasado verán, o número de viaxeiros en autobús interurbano entre a comarca do Morrazo e Vigo se incrementou ao redor dun 30%.

Ademais, grazas ao transporte de ría, integrado na Área de transporte metropolitano de Vigo, refórzase a oferta de servizos entre O Morrazo e Vigo. Estes servizos tamén se benefician da bonificación extraordinaria do 50% que a Xunta aplica sobre as tarifas dos bonos multiviaxe para usuarios das Tarxetas de Mobilidade de Galicia.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

27 de marzo de 2023 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.