A Xunta exhibirá o potencial das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas en Galicia na primeira feira Innovart
A Xunta de Galicia está organizando a feira InnovArt, a primeira feira de Ensinanzas Artísticas en Galicia que se celebrará o vindeiro mes de abril, tal e como anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, con motivo da inauguración das II Xornadas de Ensinanzas Artísticas que se desenvolven entre hoxe e mañá no Conservatorio Profesional de Música de Santiago baixo o lema Proxectos innovadores e de investigación.
O titular de Educación do Goberno galego avanza que esta feira está configurada como “un grande evento de promoción das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas”, coa exposición de material divulgativo e actividades interactivas como obradoiros, concertos de música ao vivo e conferencias. “Un evento imprescindible que, de seguro, servirá para espertar novas vocacións académicas entre o alumnado”, abondou.
Tanto esta nova feira InnovArt como as Xornadas de Innovación e Investigación de hoxe son algunhas das accións que está desenvolvendo a Xunta de Galicia para potenciar e visibilizar as ensinanzas artísticas nos 16 centros (conservatorios e escolas de Arte e deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais) que hai en Galicia, unha opción académica que cursan arredor de 6.000 alumnos.
Propostas para impulsar estas ensinanzas
Román Rodríguez lembrou que o seu departamento leva tempo traballando “nunha folla de ruta con propostas específicas” para impulsar esta modalidade formativa académica como a constitución do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas, un órgano de asesoramento a nivel normativo e académico, ou a posta en marcha do PluriArt, o modelo plurilingüe nas ensinanzas de artes plásticas e deseño que se imparten nas escolas de arte e superiores de Deseño Pablo Picasso da Coruña e Ramón Falcón de Lugo.
Na súa intervención aproveitou para agradecer o traballo “implicado, creativo e comprometido” dos máis de 800 docentes que traballan nestes centros “proporcionando unha formación artística de calidade e garantindo a cualificación dos futuros profesionais que nutren a canteira da cultura en Galicia”.
Marco normativo estatal
O conselleiro aproveitou a súa intervención para referirse á nova lei estatal de Ensinanzas Artísticas, un texto que lembrou que o Goberno do Estado está configurando “sen o respaldo dun traballo técnico coas achegas das administracións implicadas, que somos as que temos que aplicar a normativa”.
Neste senso, lembrou que Galicia reivindica a equiparación “efectiva e real” dos titulados das Ensinanzas Artísticas Superiores cos titulados universitarios, “un recoñecemento que -dixo- está recollido desde o punto de vista legal pero non así na práctica”, así como un “marco común que confira seguridade a todos, e principalmente aos estudantes”.
Programa das xornadas
Logo da apertura oficial por parte do conselleiro, as xornadas continúan entre hoxe e mañá con distintos relatorios que abordan cuestións como iniciativas para o futuro das ensinanzas artísticas, a investigación nos ámbitos da música, da danza, da arte dramática e da conservación e restauración de bens, nos que participan representantes de centros de Galicia e de fóra.
A xornada de mañá sábado abriraa Noé Valtierra Pereiro, egresado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra e actualmente investigador predoutoral do Insituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social.
Ese mesmo día o acto de clausura será un concerto a cargo de Mencía Resch Pérez, egresada do Conservatorio Superior de Música da Coruña e que actualmente cursa o máster en frauta travesa no Conservatorio de Maastricht. Ademais, Mencía Resch acadou o primeiro premio nos XVII Premios á excelencia musical Mans Futuro 2022, que organiza a Fundación Paideia Galiza en colaboración coa Xunta.