publicidade hoxe

A Xunta dota preto de 20 concellos con embarcacións e remolques para os servizos de emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+
Acto de entrega das embarcacións

Acto de entrega das embarcacións

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na entrega de embarcacións pneumáticas e remolques a unha vintena de concellos para reforzar o equipamento dos seus respectivos servizos de emerxencias. Así, por unha banda, recibiron lanchas Bergondo, Cerceda, Mazaricos, Monforte de Lemos, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Ponteceso, A Rúa, Viana do Bolo e O Vicedo, mentres que os remolques foron para Boimorto, Petín, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Tui, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras e Xunqueira de Espadañedo. O conxunto das dotacións representa un investimento de 336.138 euros.

As 11 embarcacións semirríxidas están destinadas a operacións especiais, rescate rápido e outras actividades. Cunha eslora superior aos catro metros e unha manga de case dous metros, os cascos están construídos en poliéster reforzado con fibra de vidro. Deseñadas para o transporte de ata seis persoas, a propulsión componse dun motor de 40 cv que permite alcanzar altas velocidades e ter unha gran forza de arrastre para remolcar botes salvavidas en caso de catástrofe.

O investimento neste equipamento ascende a 211.750 euros, 16.288 cada unidade. Nos últimos anos lévanse entregado máis de 85 embarcacións pneumáticas a concellos con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. Cómpre sinalar que na entrega de embarcacións pneumáticas teñen prioridade as entidades locais integradas no Plan Sapraga ou que teñan encoros nos que ao longo dos últimos tres anos se realizasen probas deportivas ou de adestramentos.

Pola súa banda, os oito remolques van dotados con electro bombas somerxibles, motobombas para augas residuais, xeradores de electricidade, motoserras, rozadoiras, torres de iluminación, e material de balizamento e sinalización. O orzamento da dotación suma 124.388 euros, 15.548 por unidade. Cos de hoxe o número de remolques entregados a municipios con AVPC ascende xa a 190.

O equipamento forma parte da liña de axudas de 2022 dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), dotada con 1M€ euros.

A entrega súmase ás efectuadas en febreiro no marco da convocatoria do pasado ano, que beneficiou un total de 122 concellos -36 na Coruña, 24 na de Lugo, 52 na de Ourense e 19 na de Pontevedra- mais a Mancomunidade Terra de Celanova. Entre o material cedido figuran, ademais das 11 embarcacións e os oito remolques, seis vehículos todoterreo, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, oito coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal e 105 desfibriladores externos.

Compromiso cos servizos de emerxencias locais

A iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos, pese a tratarse dunha competencia municipal no caso das localidades de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación.

Así, o investimento da Xunta nos últimos anos destinado a estes servizos ascende a 24 millóns de euros, dos que 15 millóns foron para equipar as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e a contía restante os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). A maiores, as AVPC recibiron ao longo destes anos 4 millóns de euros para custos de funcionamento.

Entre o material cedido aos concellos, tanto para agrupacións de Protección Civil como GES, inclúense 208 vehículos todoterreo, 187 remolques de emerxencias, 123 tendas de campaña de emerxencias, 98 esparexedores de sal, 85 embarcacións, 65 furgóns de emerxencias e 23 de servizos varios, 34 equipos de excarceración, 43 coitelas quitaneves, 21 motobombas, 4 UTV e 212 equipos de protección individual contra a vespa velutina. No caso concreto das AVPC destacan 182 vehículos tipo pick-up e 170 remolques de emerxencias xunto con material específico para facer fronte ás emerxencias nos concellos de montaña onde son frecuentes nevaradas e nos costeiros ou con encoros.

Santiago Villanueva incidiu na importancia de que os servizos de emerxencia municipais conten co mellor equipamento para o desenvolvemento do seu labor a prol da prevención e da seguridade da cidadanía. Referiuse tamén á necesidade de facilitarlles a preparación precisa para desenvolvelo, para o que contan tamén co apoio da Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), centro de referencia para a formación neste eido.

13 de marzo de 2023 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.