A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inicia un novo ciclo formativo sobre ciberseguridade a través das aulas CEMIT e do Gaiástech
A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia inicia o día 28 de marzo un novo ciclo formativo en materia de ciberseguridade orientado a cidadanía, especialmente ás persoas maiores, e cun contido específico para orientar a nais, pais ou titores sobre o uso da tecnoloxía en menores.
Baixo o lema “O teu día a día en liña, con seguridade” estas sesións buscan non deixar a ninguén atrás en materia de competencias dixitais e ciberseguridade. Desenvolveranse de xeito presencial nas aulas CeMIT de 17 concellos de toda Galicia e no centro GaiásTech, na Cidade da Cultura.
O prazo de inscrición xa está aberto e pode realizarse a través da páxina web da Rede CeMIT ou de xeito presencial nas aulas de A Cañiza, Fisterra, Ribeira, Leiro, O Barco, Abegondo, Ortigueira, Monforte, Cuntis, Celanova, Cerceda, Tomiño, Ribadeo, Quiroga, A Fonsagrada, Betanzos, Gaiás Tech e Pontevedra.
As xornadas farán foco nos riscos cos que nos podemos atopar na contorna virtual e exporán as medidas para poder previlos, facilitando un uso seguro da tecnoloxía sen abusos.
É a segunda edición deste ciclo, que se enmarca nas actividades do Nodo CIBER.gal para dar cobertura ás necesidades da cidadanía, empresas e administracións públicas en materia de ciberseguridade.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia autonómica, que conta coa colaboración de 90 concellos e está integrada por 96 centros. Entre os seus obxectivos está o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.