A AGASP acolle a formación das 25 persoas que integran a 8ª promoción de inspectores de Policía Local
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe as 25 persoas que integran a 8ª promoción da categoría de inspector dos corpos de Policía Local que se están a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) desde mediados deste mes e ata o 27 de abril. O alumnado realiza un curso selectivo de acceso a inspector por promoción interna -a categoría superior a oficial que supón cambio de escala de básica a executiva- e cunha duración de 250 horas lectivas de xeito semipresencial.
O alumnado, a través da modalidade mixta presencial e de teleformación, mellorará nesta formación as súas habilidades directivas no módulo de dirección de equipos e actualizará os seus coñecementos noutros en materia técnica, xurídica ou técnica.
Forman parte desta promoción axentes procedentes tanto de concellos do proceso unitario -Vigo, Ferrol e Santiago- como de municipios que non teñen delegadas na Xunta as competencias para a selección das categorías superiores de Policía Local como A Coruña, Lugo e Pontevedra. Santiago Villanueva destacou tamén que, por primeira vez na historia da AGASP, neste grupo hai dúas persoas da Policía Local de Logroño, no marco da colaboración con A Rioxa. Esta Comunidade, tal e como explicou o director xeral de Emerxencias e Interior, solicitou a colaboración da Academia para enviar os seus 2 alumnos e non ter que organizar un curso en exclusiva para eles na súa autonomía.
Tamén puxo en valor que na actualidade nas instalacións da AGASP coinciden 128 integrantes de distintas promocións: os 25 desta categoría de inspector, outros 25 da 9ª promoción de oficiais -ambas de promoción interna- e os 78 da 15ª promoción da categoría de Policía Local. Ademais, ao longo de todo o ano a AGASP ofrece centos de cursos destinados ás forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia, isto é, Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil, polo que cada semana coinciden no recinto da Estrada máis de 350 axentes.
A AGASP consolídase como centro de formación policial a nivel nacional cun novo plan formativo que se pechou o ano pasado con máis de 6.400 efectivos das forzas e corpos de seguridade formados en 235 accións dirixidas a persoal da seguridade pública de Galicia cun total de 8.501 horas lectivas e co obxectivo de reforzar a preparación das súas intervencións. Este ano teñen á súa disposición outros 245 cursos.
Na Academia Galega de Seguridade Pública formáronse no período 1993-2022 un total de 168.520 persoas. Desta cifra, máis de 2.900 formaron parte das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos como oficiais e inspectores.
Os 165.300 alumnos restantes corresponden a membros das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade que participaron nestes anos nos milleiros de cursos incluídos nos plans de formación continua da Academia co obxectivo de actualizar os seus coñecementos.