publicidade hoxe

Xosé Lois García presenta en Barcelona o libro de teatro “Unha cunca de caldo quente”

WhatsApp Image 2023-02-23 at 02.11.08O escritor Xosé Lois García presenta en Barcelona a súa última publicación, o libro de teatro “Unha cunca de caldo quente”, publicado por Edicións Fervenza. O acto terá lugar en Barcelona, concretamente no Centro Galego de Barcelona, este sábado 25 de febreiro ás 19.00 h.
 
No acto, o autor estará acompañado do escritor Xosé Antón Pérez Bouza e da presidenta do Centro Galego de Barcelona, Pilar Asende. 
 
Contarase ademais con acompañamento musical que virá a cargo de Suso Espín.

A obra

Unha cunca de caldo quente é o nome que recibe esta obra de teatro que se pode interpretar literalmente, falando dunha literatura que privilexia as clases populares, imaxinando unha cunca de sopa na cociña de Maruxa xunto á súa acollida; ou ben se pode interpretar metaforicamente, Unha cunca de caldo quente nas nosas vidas, pasando polos nervios, buscando nos nosos sentimentos e espertando en todos e todas a sensibilidade para entender que as debilidades humanas poden estar directamente relacionadas coa formación a idades temperás, porque hai un forte desaxuste dos máis pobres no acceso ás necesidades básicas, nun contexto cun pai alcohólico, unha nai ou unha filla violada, un prato baleiro, unha explotación do traballador, un neno sen escola, un familia sen traballo, analfabeta e sen dignidade e que todo iso é o motivo das desigualdades sociais que cada vez se acentúan máis dentro dos países, sobre todo dos máis pobres.

Unha cunca de caldo quente suxire o espertar da sociedade á loita, á conciencia de clase, para que se constrúa con máis poder económico no seu conxunto, que loitemos para que a educación non sexa excluínte e elitista, que todos teñan dereito ás necesidades básicas de supervivencia e lecer. Que a sociedade deixe de subscribirse aos ideais burgueses solidificados, ao saber que a familia é a responsable do benestar dos individuos en formación, e se isto falla, será a principal culpable de inadaptar aos individuos.

Colaboracións

A publicación deste libro, editado por Edicións Fervenza contou coa colaboración da Promotora e Construtora Bamarti, do Concello de Sober e do Concello de Pantón. Pola parte ilustrativa, a colaboración correu a cargo do ilustrador Juan José Lomarti.

O autor

Xosé Lois García (Lugo, 1945) criouse na parroquia de Merlán (Chantada) e emigrou aos vinte anos a Barcelona, onde traballou como metalúrxico e noutras faenas laborais. Fixo estudos de Socioloxía no Institut de Cièncias Socials i d’Estudis Polítics de Barcelona que abandonou para licenciarse en Filosofía e Letras (especialidade de Historia Contemporánea), na Universidade de Barcelona. Exerceu de profesor. Foi fundador e director do Arquivo Histórico Municipal e responsábel de Patrimonio Histórico e Cultural do concello de Sant Andreu de la Barca (Barcelona), alí traballou até a súa xubilación. Nesta localidade recoñeceron a súa labor converténdoo en fillo adoptivo da mesma.

A súa obra multiplícase en moitas frontes: animador da cultura galega en Cataluña, conferenciante, articulista, crítico literario e de arte, especialista en literatura de expresión portuguesa en África, Brasil, Cuba, Arxentina ou Paraguai. É autor de antoloxías poéticas de Portugal, Galiza, Mozambique, Angola, Guié-Bissau, Timor, Brasil, São Tome e Príncipe.

As súas publicacións sobre literatura e historia están recollidas en numerosas publicacións por todo o mundo. Os seus máis de cen libros sobre diversas temáticas abranguen dende narrativa, ensaio, teatro, literatura infantil… ata temas históricos e etnolóxicos. Conta con máis de trinta poemarios.

Activista social de base, loita a cotío pola recuperación do patrimonio románico na Ribeira Sacra. Fundador da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada (AARCC) tamén é autor de diversos estudos sobre a “Simboloxía do románico” en Amarante (Portugal), Pantón, Sober, Chantada, O Saviñao, Penafiel (Portugal), Paradela, Portomarín e A Ulloa.

Unha cunca de caldo quente únese ao listado de libros de Xosé Lois García publicados por Edicións Fervenza, xunto ás obras teatrais A feira do cinco, O reloxo de Merexildo, Mirafentos, Auto do demo e da viñateira e O proceso a Lucía Fidalgo; así como o poemario No soño dos ollos.

23 de febreiro de 2023 | 09:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.