publicidade hoxe

A Xunta ofertará 15 prazas fixas por concurso de méritos para reforzar o Hospital Comarcal do Salnés

A Xunta convocará por concurso de méritos 15 prazas de especialidades médicas no Hospital do Salnés. En concreto, catro de medicina interna, catro de radiodiagnóstico, catro de pediatría e tres de traumatoloxía”. Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ás obras da central de esterilización do Hospital do Salnés, acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Luis López Diéguez, e polo xerente da área, José Flores Arias.

“Con estas prazas estamos blindado a estabilidade dos servizos máis críticos dun hospital como este nos vindeiros dous anos, nos que teremos ese núcleo do cadro de persoal fixo que non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados”, -remarcou o conselleiro-.

Respecto da obra da nova central de esterilización, na que o Goberno galego vai investir 1,3 millóns de euros, Comesaña destacou que “duplica o espazo da anterior, pasando de 120 a 293 metros cadrados”. Así mesmo, está dotada coa última tecnoloxía de desinfección, esterilización, e lavado, cun sistema completo de trazabilidade e conecta, de xeito directo, co bloque cirúrxico. Esta conexión é relevante, porque une este investimento de 1,3 millóns en obra e equipamento, co anterior gran investimento que tivo este hospital de 8,5 millóns en obra e outro millón en equipamento, que rematou en 2017, e que renovou a hospitalización convencional, o hospital de día, a área de atención ao parto, as urxencias e un novo bloque cirúrxico con cinco quirófanos, “e que agora se complementa con esta nova central de esterilización”.

O conselleiro recordou, así mesmo, que nestes últimos anos, o Hospital do Salnés foi tido en conta en todas as grandes licitacións de tecnoloxía sanitaria que se fixeron de xeito centralizado por parte da Xunta, o que supuxo a incorporación dun ecógrafo de urxencias, un novo sistema de anestesia, dous equipos radiocirúrxicos “e están en proceso de adxudicación dous novos ecógrafos para xinecoloxía”. Ademais do novo TAC, recentemente instalado.

Un investimento de máis de 800.000 euros para dotar a este hospital comarcal do equipamento tecnolóxico máis moderno e avanzado.

En conxunto, -remarcou o conselleiro-, entre as diferentes obras e equipamentos, “neste hospital a Xunta fixo investimentos por máis de 11,5 millóns de euros”.

Melloras tecnolóxicas, estruturais e de dotación de persoal

Tal e como destacou o titular da carteira sanitaria, o Hospital do Salnés vai seguir tendo melloras tecnolóxicas, participando nas vindeiras licitacións centralizadas como a de estacións de quirófano; melloras estruturais nas áreas de hospitalización a domicilio, saúde mental ou a base do 061; e melloras en materia de dotación de persoal.

Ao respecto, Comesaña sinalou que a Lei de provisión extraordinaria de prazas de difícil cobertura, ademais de novos profesionais para o Hospital do Salnés, posibilitará a incorporación de médicos á atención primaria da comarca, co obxecto de paliar a falta de facultativos que afecta a todo o Estado, pero que está a ser máis intensa nesta área.

En particular, a Xunta incluirá, na convocatoria por concurso de méritos, unha praza de pediatría e dúas novas prazas de medicina de familia no centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía de Arousa, que se unirán ás catro cubertas no concurso de 2022.

Tamén convocarase unha nova praza de medicina de familia no centro de saúde do Grove, que se unirá á recentemente cuberta do concurso anterior, e unha praza de pediatría nese mesmo centro.

Ademais, convocaranse dúas prazas de pediatría no concello de Sanxenxo, vacantes na actualidade, e unha praza de pediatría compartida entre a Illa de Arousa e Ribadumia, actualmente cuberta en interinidade.

En resumo, -remarcou o conselleiro-, “imos facilitar a cobertura de 23 novas prazas fixas para incorporar profesionais estables á atención médica da veciñanza da comarca do Salnés, 15 no hospital comarcal; tres na medicina de atención primaria e facendo gardas nos PACs, complementando aos 11 que se incorporaron no anterior concurso; e cinco nas prazas de pediatría dos centros de saúde”.

Cobertura sanitaria a todo o territorio

Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que, dende a Xunta, manteremos esta política de “tomar as medidas que estean na nosa man para dar cobertura sanitaria a todo o territorio e para incentivar que se ocupen as prazas que teñan demostrado ser de difícil cobertura”.

Segundo proseguiu o responsable da sanidade pública galega, “xa o viñamos incentivando con medidas retributivas e con puntuacións extra nos procesos internos a quen tivera exercido nestes centros, e agora levamos tamén ese incentivo ao propio método de provisión da praza, facilitando ao máximo o acceso aos profesionais que asuman o compromiso con este hospital e cos centros de saúde desta comarca”.

Trátase dunha medida que quere, ademais, reter talento, “por iso os residentes MIR destas especialidades que aínda terminen a especialidade en maio van poder inscribirse, con carácter previo, e acreditar despois o titulo da especialidade unha vez a rematen”. Deste xeito, “Galicia é a única comunidade onde un médico pode rematar a súa residencia e obter unha praza fixa no sistema público de saúde no mesmo ano”.

“Seguiremos avanzando nestas medidas autonómicas e reclamando ao Goberno de España que cumpra as reformas que ten pendentes para abordar o problema nacional de déficit de especialistas, para garantir aos pacientes a asistencia sanitaria que merecen”, -concluiu Comesaña-.

21 de febreiro de 2023 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.