publicidade hoxe

A Xunta aproba o proxecto da nova senda peonil que conectará as dúas marxes da autovía do Salnés en Sanxenxo, cun investimento de 180.000 €

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaSanxenxo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de execución da nova senda na contorna do enlace da autovía do Salnés, a AG-41, coa estrada PO-504, no concello de Sanxenxo, que ten por obxectivo conectar as dúas marxes da vía de altas prestacións.

Esta intervención, que suporá un investimento da Xunta que roldará os 180.000 euros, permitirá habilitar un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude entre ambas as marxes da autovía, o que permitirá superar unha barreira para a mobilidade dos peóns e reforzar a seguridade viaria.

A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 9 de febreiro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste novo proxecto no concello pontevedrés. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/v3c6CM

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre de 2023, co obxectivo de iniciar os traballos no verán. A actuación ten un prazo de execución de 2 meses.

O detalle da intervención

Esta nova intervención da Xunta, permitirá habilitar unha nova senda peonil no municipio, que partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita do punto quilométrico 0+690 da estrada PO-504 e estenderase ata o 0+870. Nese punto, deixado atrás o paso inferior sobre a VG-4.1, o trazado da senda discorrerá paralelo ao pé do noiro da continuación da autovía do Salnés, para rematar na glorieta inferior do enlace.

Con esta solución evítase o paso polo enlace da dita glorieta, polo que se consegue unha maior seguridade viaria.

A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada.

A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública de modo que se garanta a seguridade dos usuarios, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras dispostas no treito que discorre paralelo á PO-504.

Esta intervención súmase ás xa rematadas no marco do Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés, que cun investimento de máis de 12 M€ permitiron acadar máis de 21 km lineais de itinerarios peonís.

A Xunta segue a traballar para que as estradas autonómicas do Salnés sexan verdadeiros eixos de mobilidade segura e sostible tamén para peóns, para o que na actualidade existen ou están a ser proxectadas sendas ou beirarrúas ao longo da PO-549, a PO-302, a PO-306 e a PO-307 para camiñar de modo seguro entre Cambados, Vilanova, Vilagarcía e A Illa de Arousa a través destas estradas autonómicas.

21 de febreiro de 2023 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.