publicidade hoxe

A provincia de Pontevedra aglutina case a metade do executado no Plan de Pastos, ferramenta clave na prevención de incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou hoxe os traballos silvopastorís que se están levando a cabo no monte veciñal en man común de Xesta. Alí lembrou que se trata dunha actuación enmarcada no Plan de Pastos de Galicia, clave na prevención de incendios forestais, á vez que fomenta a gandaría en extensivo da nosa comunidade.

Neste senso, o titular de Medio Rural sinalou que o Plan de pastos prevé actuar nunha superficie total de 2.250 hectáreas en toda Galicia, o que suporá un investimento de 9,5 millóns de euros. Así, indicou, as dúas primeiras fases xa están rematadas con actuacións en arredor de 1.200 hectáreas de terreo en 39 montes veciñais de 35 concellos, das cales 495 están en Pontevedra.

No caso de Xesta, a parroquia con maior censo gandeiro do concello, con máis de 2.200 cabezas, estase a actuar en 34 hectáreas de superficie con preto de 229.000 euros. Con este orzamento, xa se fixo a roza mecanizada en toda a superficie do pasteiro, o pase de grada na maior parte do terreo e a adecuación de trazado para peche do perímetro de 1.800 metros lineais, así como a colocación de postes de madeira para peche con malla doutros 1.200 metros lineais. Outras das actuacións que se pretenden levar a cabo son a estensión de caliza moída, a fertilización, o pase suplementario de grada lixeira, a sementeira e o pase de rulo.

Estes traballos englóbanse na terceira fase do Plan de pastos, na que se prevé actuar en máis de 300 hectáreas e beneficiar 18 comunidades de montes veciñais. A maiores, estase traballando tamén en diversos proxectos para futuros pasteiros que se desenvolverían nunha cuarta fase.

Neste senso, búscase promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e, sobre todo, garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

Cómpre lembrar tamén as actuacións enmarcadas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Desde a súa entrada en vigor -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.

21 de febreiro de 2023 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.