publicidade hoxe

Galicia e Bretaña intensificarán a súa colaboración para fomentar os intercambios e as estadías de agricultores e gandeiros en ambas rexións

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, iniciou hoxe o programa de encontros de traballo con motivo da súa viaxe institucional á Bretaña francesa. O primeiro contacto foi con responsables do Goberno rexional, comezando polo seu presidente, Loïg Chesnais-Girard, así como polo vicepresidente de Agricultura, Agroalimentación e Alimentación, Arnaud Lécuyer. Tivo lugar no Conseil Régional de Bretagne en Rennes e foi cualificado como “sumamente produtivo” polo conselleiro.

Neste sentido, a delegación galega expuxo o modelo agrogandeiro da nosa comunidade, con especial referencia ás concentracións parcelarias e á Lei de recuperación da terra e as súas diferentes ferramentas, en particular as aldeas modelo e os polígonos agroforestais. O conselleiro e o director xeral fixeron fincapé na utilidade destes instrumentos para ampliar a base territorial das explotacións, así como tamén na necesidade de aproveitar as posibilidades que ofrece a Política Agrícola Común (PAC) para fomentar a remuda xeracional no eido primario.

Similitudes
Nesta mesma liña, os representantes da Xunta remarcaron as similitudes existentes entre as comunidades da Cornixa cantábrica española, entre elas Galicia, e a propia Bretaña, así como con Irlanda. Algo que, a xuízo dos responsables do Goberno galego, abre a posibilidade de reforzar os lazos de colaboración en materia agroalimentaria, en concreto en sectores como o lácteo, no que estes territorios constitúen unha verdadeira potencia dentro da Unión Europea.

Nesta xuntanza, avanzouse tamén no terreo de propiciar o intercambio de experiencias entre agricultores e gandeiros de ambas rexións, para afondar nos seus respectivos modelos produtivos e mellorar a súa formación e profesionalidade, mediante estadías que permitan coñecer polo miúdo o funcionamento e características das súas explotacións.

Precisamente, a xornada de mañá da delegación galega completouse cun encontro con membros da Federación Rexional das Maisons Familiales Rurales (MFR) da Bretaña, un modelo semellante ás escolas familiares agrarias -EFA- galegas, centrado no fomento da formación dos profesionais do agro. Neste sentido, o conselleiro do Medio Rural valorou a alta inserción laboral deste tipo de formación e -nesa liña- a súa vinculación co territorio e coa demanda do sector primario.

González tamén puxo en valor os intercambios coas EFA galegas, no marco do programa Erasmus+, para compartir experiencias e sinerxías en beneficio da produción agraria de ambos territorios. Así mesmo, púxose sobre a mesa a posibilidade de que os centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA), dependentes da Consellería do Medio Rural, poidan tamén participar deste tipo de intercambios.

Xa pola tarde está prevista unha reunión de traballo dos representantes da Consellería con responsables de Space Feria, un certame internacional dedicado á gandería de referencia na rexión. Mañá e pasado continuará o periplo da delegación galega na Bretaña, con visitas e encontros con titulares de cooperativas e explotacións lácteas, así como xuntanzas con produtores de pataca, entre outros actos programados.

23 de xaneiro de 2023 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.