publicidade hoxe

Convócanse máis de 17 M€ en axudas para os gandeiros da carne co gallo de paliar as consecuencias da invasión de Ucraína no sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se convocan algo máis de 17 millóns de euros en axudas para os produtores de carne galegos, co gallo de mitigar as consecuencias da invasión rusa de Ucraína. Trátase dunha medida urxente, extraordinaria e excepcional para compensar as dificultades económicas que está atravesando o sector por mor do incremento dos custos de produción derivado da alteración do mercado internacional de materias primas e subministracións, coa que se proxecta chegar a preto de 12.000 produtores. Cómpre lembrar que os interesados xa puideron acceder a estas achegas o verán pasado, a través de anticipos de entidade bancaria subvencionados polo Goberno galego que lles permitiron cobrar de inmediato e con custo cero para eles.

Deste xeito, a Xunta destina en concreto 17.156.000 euros, provenientes do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, para aliviar as dificultades económicas ás explotacións produtoras dos sectores de vacún de carne, ovino, caprino, avícola e cunícola. Trátase de sectores ligados ao territorio e cun marcado carácter extensivo, o que os converte en sectores ambientalmente sustentables polo aproveitamento racional dos recursos agrosilvopastorais, contribuíndo así á mellora da calidade e incremento da materia orgánica nos chans e ao mantemento da biodiversidade.

Estas axudas buscan contribuír a mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e a facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola.

Para acceder ás subvencións, os solicitantes deben ser titulares de explotacións que consten en alta no Rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA), entre outros requisitos. De cara á concesión destas axudas -que se tramitarán en réxime de concorrencia non competitiva- determínanse unha serie de tramos asociados ao tamaño ou capacidade das explotacións beneficiarias. As persoas interesadas nestas axudas terán un prazo dun mes a partir do día seguinte á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia para presentar as súas solicitudes.

Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia

Para consolidar o sector deica o ano 2030, esta semana presentouse a Estratexia de dinamización do sector cárnico, que busca situar Galicia como rexión produtora de referencia cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade. Para conseguilo, e logo dun exhaustivo traballo de análise, diagnose e diálogo da man do conxunto do sector en colaboración coa Fundación Juana de Vega, traballarase no marco dunha planificación que se artella en 64 medidas e 174 accións estruturadas en seis eixes estratéxicos.

En concreto, perséguese avanzar nun sector produtor organizado e profesionalizado, nunha industria competitiva, impulsada pola tecnoloxía e polo talento que garanta a soberanía alimentaria e nuns produtos cárnicos galegos mellor posicionados nos mercados nacionais e internacionais. Tamén nunha cadea de valor máis transparente e equilibrada, nunha sociedade concienciada coa importancia da produción cárnica galega para o desenvolvemento rural e sobre o valor nutricional da carne e, por último, nun sector cárnico máis sostible e resiliente.

13 de xaneiro de 2023 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.