publicidade hoxe

A Xunta achega máis de 2 M€ a 189 viticultores para a reestruturación e reconversión varietal das viñas en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se informa das persoas beneficiarias das axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia. En total son 189 persoas viticultoras as que recibirán máis de dous millóns de euros para desenvolver accións que permitan redimensionar e mellorar a produción vitivinícola galega.

A superficie de viñedo na que se vai actuar grazas a estas subvencións é de 215 hectáreas. Por provincias, a maior parte corresponde a Pontevedra, con 94 hectáreas e 80 persoas beneficiarias. Séguelle Ourense con 76 hectáreas e 93 persoas beneficiarias. Mentres, na Coruña reestruturaranse 37 ha de 11 viticultores e, en Lugo, 9 ha de 5 beneficiarios.

Por zonas vitícolas, o maior número de persoas beneficiarias corresponde á denominación de orixe Rías Baixas (con 89 beneficiarios), logo sitúase a de Monterrei (35), seguida do Ribeiro (31), Valdeorras (26) e Ribeira Sacra (6). Pola súa parte, as indicacións xeográficas protexidas Barbanza e Iria e Ribeiras do Morrazo contan cunha beneficiaria cada unha.

Os principais obxectivos destas axudas son levar a cabo reaxustes estruturais que fagan diminuír os sobrecustos de produción das explotacións vitícolas de Galicia, onde predomina o minifundio. Ademais, conséguese a mellora das técnicas de xestión das viñas e reconversións varietais para optimizar a súa orientación ao mercado adaptando as producións á demanda, á vez que se preservan as variedades viníferas autóctonas da nosa comunidade. Deste xeito, aprovéitase a elevada calidade diferenciada da uva como vantaxe competitiva nun mercado cada vez máis globalizado.

Así mesmo, a través destas achegas aumenta tamén o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable facilitando o acceso ás explotacións das persoas viticultoras mozas, en particular das mulleres.

23 de xaneiro de 2023 | 19:24 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario