Rueda salienta a aposta da Xunta por promover solo empresarial para favorecer tecido industrial en Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe a aposta da Xunta para promover solo empresarial, xa que considerou que favorece a creación de tecido industria en Galicia “para seguir producindo actividade económica e seguir producindo riqueza”. “Non é algo que se fai en todas as comunidades e aquí imos seguir facéndoo con máis intensidade”, avanzou en referencia á que o Goberno galego destinará no 2023 a esta fin 34 millóns de euros.
Durante a súa visita ás obras de urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras en Lugo, Rueda resaltou o éxito da aposta autonómica por esta nova área de asentamento empresarial na contorna da capital luguesa que xa ten adxudicado a totalidade do solo das fases xa rematadas -a primeira e a segunda- e reservada parte da fase 3, en construción, supoñendo un total de 140 parcelas asignadas ou reservadas.
O Goberno galego leva investidos ou ten en execución 53 millóns de euros na posta en marcha deste polígono que segundo precisou o presidente da Xunta “ao seu remate, contará con máis de 2 millóns de metros cadrados” e preto de 270 parcelas. Na terceira fase, que está previsto rematar no vindeiro mes de abril, o investimento superará os 3,1 millóns de euros.
O titular do Executivo autonómico salientou o feito de que desde Goberno galego xa se está a traballar na redacción das vindeiras fases para dar continuidade a un polígono referente na provincia de Lugo e que acolle empresas de sectores punteiros en toda Galicia dun amplo abano que vai dende a automoción e a maquinaria agrícola á fabricación de mobles ou mesmo á produción de café. De feito, Rueda adiantou que ao longo do 2023 está previsto licitar as fases 4, 5 e 7-A para dispoñer de preto de 220.000 metros cadrados máis co obxectivo de favorecer o asentamento empresarial na bisbarra.
Manter as bonificacións ás empresas para adquirir solo
Alfonso Rueda incidiu na firme aposta do Goberno galego por atraer investimentos empresariais a Galicia e promover a expansión de industrias xa asentadas, cun dobre obxectivo: revitalizar a economía galega e xerar emprego de calidade. Nun contexto de crise económica e incertezas, a Xunta optou por dar facilidades ás empresas asentadas en Galicia e tamén ás que se queren asentar na Comunidade, polo que o presidente da Xunta puxo en valor que o vindeiro ano o Executivo autonómico manterá as bonificacións “de entre o 30 e o 50% no prezo do solo” ás empresas que opten por instalarse en parques empresariais titularidade da Xunta.
O Goberno galego ofrece, ademais, garantías, e así dispón dunha liña de axudas para que os concellos leven a cabo melloras nos parques empresariais que son da súa competencia, e coa intención de garantir tamén estabilidade. Precisamente, Rueda salientou a aprobación o ano pasado unha normativa específica e pioneira como é a Lei de áreas empresariais de Galicia, que mellorará a planificación do solo atendendo ás demandas do sector.