publicidade hoxe

Os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural galegos xa están a elaborar as estratexias do próximo período Leader 2023-2027

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Os 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia están traballando na elaboración das súas estratexias de desenvolvemento local correspondente ao próximo período Leader 2023-2027. Para a elaboración destas estratexias, cada grupo recibe unha axuda pública de 35.000 euros, nunha convocatoria de axudas do programa Leader que ascende aos 840.000 euros, triplicando á convocatoria do ano 2016. Así llelo trasladou o subdirector de Relacións cos GDR da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco, aos representantes de sete GDR da Cerdeña, que estes días están a visitar Galicia para coñecer de preto diferentes experiencias turísticas.

Neste senso, Moisés Blanco indicoulles que con este orzamento poderán incluírse os custos da axuda preparatoria referidos á creación de capacidades, á formación e ao establecemento de redes con miras á preparación e posta en práctica dunha estratexia de desenvolvemento local participativo. Os devanditos custos poderán incluír, entre outros, os estudos relativos á zona en cuestión, as accións de fomento da participación dos distintos axentes do territorio, as accións de formación para as partes interesadas locais e, en xeral, todos aqueles custos de funcionamento e de persoal necesarios para elaborar unha proposta de estratexia de desenvolvemento local participativo.

Tras tomar nota da actual situación dos diferentes grupos galegos, a delegación italiana -que está composta por máis de 60 persoas que forman parte dun proxecto de cooperación “Caminatas del Espíritu”- visitaron o complexo turístico, “Enoturismo María Manuela”. Un proxecto situado no parroquia de Pousa, no concello de Boqueixón, preto de dúas rutas do Camiño de Santiago, no que se fomenta o turismo enolóxico cun orzamento de 398.700 euros e unha axuda pública do 44%, que supuxo un importe de algo máis de 175.000 euros. Na visita tamén estiveron representantes do GDR Terras de Compostela.

Aldeas intelixentes

No encontro tamén puideron coñecer o proxecto “Aldeas Intelixentes: solucións de futuro para aldeas sustentables”, exposto polo subdirector de Promoción Internacional e Rural Intelixente da Axencia, Isaías Calvo de la Uz. Neste senso, o subdirector manifestou que se trata dun proxecto impulsado pola propia Consellería do Medio Rural e que procura o desenvolvemento das solucións de perfil innovador e tecnolóxico máis ambiciosas para a creación dun gran territorio rural intelixente en Galicia.

Así, lembrou que tras o desenvolvemento do proceso de consulta preliminar ao mercado e a elaboración e publicación do informe de conclusións e do mapa de demanda temperá, o proxecto entra na fase de preparación e comezo dos procedementos de contratación pública. Está previsto o lanzamento de procedementos de compra pública por un valor inicial de 5 millóns de euros no próximo ano.

1 de decembro de 2022 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.