publicidade hoxe

Lorenzana atribúe o crecemento do emprendemento feminino en Galicia a políticas como o programa ‘Emega’ que consolida cada ano máis de 200 postos de mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
V Encontro de emprendedoras do programa Emega da Xunta de Galicia

V Encontro de emprendedoras do programa Emega da Xunta de Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe o V Encontro de emprendedoras do programa Emega da Xunta de Galicia, onde subliñou o crecemento experimentado polo emprendemento feminino nos últimos anos ao albur das políticas decididas e eficaces que o Goberno galego seguirá a apoiar neste 2023 con máis de 18M€ destinados ao seu impulso.

A aposta polo emprendemento é o camiño de futuro para construír unha economía transformadora, equitativa e fornecida en valores como a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, destacou Lorenzana, quen anunciou a consolidación do programa Emega que conta co recoñecemento da Unión Europea como boa práctica e que disporá en 2023 de 4 millóns de euros que se materializarán nunhas 300 axudas.

Nos últimos 13 anos, entre 2009 e 2022, este programa tivo un incremento do seu orzamento do 203%. Foron en total máis de 18,4 millóns de euros que permitiron apoiar 1.480 proxectos de emprendemento feminino, crear 2.084 empregos novos para mulleres e consolidar outros 648, todos eles de carácter indefinido, lembrou a conselleira.

Tal e como mostrou a titular de Promoción do Emprego, os últimos datos do informe GEM sinalan que as mulleres emprendedoras consolidan o seu liderado na fase central do proceso emprendedor, cunha taxa do 5,3 fronte ao 4,4 dos homes. Este liderado afiánzase noutra cifra que di que as iniciativas consolidadas de 2021 aumentan con respecto a 2020, tamén están lideradas máis por mulleres: un 9,3% fronte ao 8%.

Rede de polos

Lorenzana destacou a importancia de “introducir a perspectiva de xénero nos procesos de emprendemento”. Neste marco anunciou que o seu departamento destinará en 2023 máis de 18 millóns de euros para o emprendemento; en concreto para seguir a impulsar a Rede de polos que contará este ano con cinco centros e sumará en 2023 outros 7 para dar cobertura a todo o territorio. Tamén haberá cartos, segundo remarcou, para apoiar as iniciativas empresariais que xurdan ao abeiro da rede e a través de convenios con entidades colaboradoras e universidades.

Estas actuacións englóbase na Estratexia de emprego Xempre contigo, que dá abrigo a unha actuación integrada que vai desde a formación ao emprendemento, potenciando as capacidades de cada persoa para casar oferta e demanda. A Xunta avoga para logralo por impulsar fórmulas como a do emprendemento, que promoven emprego de calidade en contornas laborais saudables e igualitarias. “Pódense crear novos proxectos empresariais en Galicia, pódese vivir deles e se pode crear máis emprego”, aseverou Lorenzana.

A conselleira subliñou, por último, o valor de encontros como o de hoxe permiten xuntar mulleres que emprenderon en diferentes sectores, creando o tecido empresarial galego e que serven como inspiración a outras empresarias.

12 de decembro de 2022 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.