Entrega do VII premio do Concurso Balbino de Relatos a Carlos Neira Suárez e presentación da obra gañadora
A Sede Afundación Ferrol acolle este venres 2 de decembro, ás 19.30 h, a entrega do premio do Concurso Balbino de Relatos ao gañador desta edición, ao ferrolán Carlos Neira Suárez, nun acto no que tamén será presentada a obra premiada, o libro A comuna de Valdonelle.
No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado polos profesores e escritores Xosé Manuel Lobato e Xoán Carlos García Porral; o xornalista e escritor Germán Castro Tomé; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López; e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros.
Durante o acto contaremos co acompañamento musical de María Manuela e Xurxo Varela.
A obra
A comuna de Valdonelle é a obra que resultou gañadora do VII Concurso Balbino de Relatos da que o xurado do premio, composto por Carlos Loureiro (profesor e escritor), Xoán Carlos García Porral (profesor e escritor), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario) destacaron:
“Unha aposta por unha escrita que convida á reflexión sobre o neorrural, cada vez con máis frecuencia habitado por urbanitas de orixe, que procuran nel novos espazos e xeitos de vida.
Tamén salientou a súa capacidade para reflectir o complexo mundo das relacións interpersoais a través dunha ficción que propón a construción dunha sorte de comuna societaria no rural, coas tensións que isto desata e o que de experimento social espella.
Arquitecturizada con indubidable solvencia narrativa, o xurado subliñou o interesante perfilado dos personaxes e a eficiente progresión dunha trama que leva con forza da man ao lector ata a derradeira páxina”.
Unha lectura na que se reflicte o complexo mundo das relacións interpersoais a través dunha ficción baseada na construción dunha sorte de comuna societaria no rural, con todas as tensións que isto desata e o que de experimento social espella.
Concurso
Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.
De periodicidade anual, as bases que debían cumprir os orixinais presentados requirían unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres e, como non, centrarse na temática galega, co rural, o mar ou a emigración como protagonista.
O gañador obterá un premio de 1.500 € e a publicación da obra correrá a cargo de Edicións Fervenza.
A comuna de Valdonelle, de Carlos Neira Suárez,únese á lista de premiados nos que se inclúen, por orde cronolóxica, as obras Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans (A Coruña); De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz (Ourense); Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda (Sevilla, pero natural de Allariz); Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira Campo (O Carballiño); Bica de Montouto, de Pepe Peinó (Lugo); e Gumes entre a néboa, de Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo).
Colaboracións
O Concurso Balbino de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.
Autor
Carlos Neira Suárez é un ferrolán nado nas Pontes de García Rodríguez.
Foi mariscador, pescador de baixura, repartidor de leite e colchoeiro, todo iso antes de entrar con 15 anos no estaleiro ASTANO, nos seus departamentos administrativos. Tamén foi membro do Xurado de Empresa tras as eleccións do 75 —as chamadas Xuntas Sindicais do cambio antes da morte do ditador Franco— e, nunha segunda época, secretario do Comité de Empresa que tivo de afrontar os plans de eliminación do estaleiro (1982) ata 1985.
Escritor afeccionado dende moi neno, mantivo algunhas colaboracións xornalísticas, artigos en revistas ou boletíns gremiais, veciñais e culturais.
Foi concelleiro por PSG-EG, candidato en varias listas ao Congreso e ao Parlamento Galego, sempre no ámbito do galeguismo político.
Carlos Neira ve o rural non coma unha aventura, senón coma unha posibilidade cercana.
Goza da escrita e goza o dobre cando hai quen valora o que escribe.