publicidade hoxe

A Xunta remarca o papel de referente que ten Santiago de Compostela no sector biotecnolóxico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou esta mañá, na xornada O sector industrial en Santiago e comarca. Proxección de futuro organizada pola Cámara de Comercio de Santiago, o papel de referente que ten Santiago de Compostela no sector biotecnolóxico, subliñando que o Polo da Sionlla pon de manifesto que na comarca hai capacidade instalada cando se fala de I+D+i.

Así, Conde destacou que na iniciativa colaboran diferentes administracións, a Cámara, a Área Empresarial do Tambre e a Universidade de Santiago de Compostela, conformando unha alianza estratéxica para fomentar un ecosistema no eido biotecnolóxico.

O vicepresidente económico, que destacou os diferentes proxectos industriais que se están a desenvolver na comarca en sectores como o forestal, o conserveiro ou o TIC, entre outros, apuntou que é preciso “seguir cultivando proxectos e iniciativas” e salientou que o papel da Administración é ser facilitadora e servir de panca para que a iniciativa privada poida promover eses proxectos.

Neste sentido, destacou tres eidos nos que se está a traballar. En primeiro lugar, o ámbito normativo, poñendo as bases para que os proxectos se poidan desenvolver en tempo e forma. Así, explicou que a través de figuras como os proxectos industriais estratéxicos ou as iniciativas empresariais prioritarias están en tramitación unha trintena de proxectos que reciben un tratamento específico e singular.

En segundo lugar, apuntou ao desenvolvemento de solo industrial, subliñando que no parque empresarial da Sionlla a Xunta de Galicia leva investidos 77 millóns de euros, e adxudicáronse case 600.000 m2, o que, segundo o vicepresidente económico, pon de relevo o dinamismo empresarial en Santiago de Compostela.

Por último, Francisco Conde indicou que a axenda industrial de Galicia está vinculada directamente ao desenvolvemento de enerxías renovables, priorizando proxectos vinculados ao desenvolvemento industrial do territorio.

1 de decembro de 2022 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.