A Xunta garante a conservación da Catedral de Santiago cun investimento de 6,5 M€ ata o ano 2027 e a creación dun sistema para coñecer os fluxos de aire
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe a Catedral de Santiago de Compostela, onde avanzou que o Goberno galego blindará a conservación da basílica cun investimento de 6,5M€ ata o ano 2027 e a creación dun sistema para coñecer os fluxos de aire. Fíxoo xunto co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, e o catedrático de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira.
Como expresou o responsable autonómico de Cultura, o proxecto de conservación e restauración feito na Catedral de Santiago na última década é “un dos máis complexos feitos nunca nun ben declarado Patrimonio da Humanidade”. “Foi posible grazas a un extraordinario esforzo de xestión e coordinación entre a Xunta, a propia Catedral e outras administracións e a nosa obriga agora é procurar que o santuario se manteña nas mellores condicións o maior tempo posible”, engadiu.
Para conseguilo, está en marcha o Plan Catedrais, unha folla de ruta dotada con 36M€ para que todos os templos catedralicios de Galicia afronten a década xacobea nas mellores condicións. Ao abeiro deste Plan, o Goberno galego puxo en marcha actuacións nas capelas do Cristo de Burgos e da Comuñón, ás que destina máis de 280.000€ para “mellorar o estado dun monumento que é símbolo de Galicia cara o mundo”.
Intervencións en marcha
Na súa visita, o titular do departamento de Cultura da Xunta puido comprobar a boa marcha dos traballos da Capela do Cristo de Burgos, que xa foi obxecto de anteriores traballos. En anteriores fases, corrixíronse aqueles efectos e axentes de deterioración máis graves e nesta ocasión os traballos centráronse na cúpula e na lanterna. Así, as intervencións que están a punto de rematar incluíron a eliminación do revestimento de formigón que existía sobre as bóvedas, a cúpula e o cupulino da capela e da sancristía, a renovación da cuberta de tella e a incorporación dun sistema de ventilación permanente para eliminar humidades.
No que atinxe á Capela da Comuñón, onde xa remataron os traballos, o proxecto centrouse na área pétrea dos paramentos exteriores das fachadas vistas non incluídas en actuacións anteriores. Tamén se procedeu á limpeza e rexuntado da fábrica de pedra para eliminar a vexetación, e ao encintado da xuntas con morteiro de cal hidráulica e area e entoado con áridos de tonalidades axeitadas. As dúas capelas están situadas acaroadas á fachada norte da nave maior, ocupando o espazo que separa a Catedral do Pazo Episcopal.
Estas actuacións reforzan os lazos que permitiron, antes da celebración do Ano Santo de 2021-2022, reinaugurar a basílica de Compostela 800 anos despois da súa construción iniciando o dobre Xacobeo coa meirande parte das obras xa rematadas. Cómpre destacar que os acordos da Xunta co Cabido e a Fundación Catedral súmanse aos máis de 17 millóns de euros comprometidos en 2015 polo Goberno do Estado.
Modelos da circulación do aire
Ademais desta actuación, e tamén co obxectivo de procurar que a Catedral de Santiago sexa legada as vindeiras xeracións nas mellores condicións, a Xunta está traballando xunto coa Fundación Catedral e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMaga), adscrito á Universidade de Santiago, para desenvolver modelos computacionais para o estudo e predición da circulación do aire no interior da Catedral.
Trátase dunha medida que permitirá á Catedral de Santiago dispoñer dun novo modelo matemático que describa a dinámica de fluxos de aire co fin coñecer con exactitude os efectos dos niveis de CO2 no interior do edificio histórico para ter a posibilidade de prever con tempo suficiente medidas destinadas a regulalo ou modificalo para mellorar o seu mantemento e conservación patrimonial.
Para conseguilo, nunha primeira fase reproducirase en 3D o espazo interior da Catedral e todas as posibles entradas de aire para, a continuación, analizar en detalle as liñas de corrente e determinar cales son as características de cada unha das superficies do interior.