publicidade hoxe

A Xunta forma persoas emprendedoras de Galicia e norte de Portugal na busca de investimento e financiación para os seus proxectos empresariais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na Xornada de acceso a financiamento en formato virtual dirixida a persoas emprendedoras do ámbito maker (movemento que se basea no faino ti mesmo) e de base tecnolóxica constituídas nos últimos anos.

A experta en marketing, Patricia Martínez, e o especialista en finanzas e desenvolvemento empresarial de spin-off e empresas de base tecnolóxica, Ramón Tubío, deron a coñecer, respectivamente, as ferramentas para presentar os proxectos a posibles investidores e as vías de acceso para lograr financiamento para desenvolver os de carácter innovador.

Tal e como destacou Ardao, abordáronse dous dos eixos fundamentais para o emprendemento: “o pitching ou como presentar un proxecto ante investidores, dando a coñecer ferramentas e consellos para presentarse de maneira eficaz, e o financiamento de proxectos innovadores, analizando as distintas alternativas para atopar investidores potenciais e como captar financiamento segundo o perfil de cada un dos proxectos”.

O curso foi precedido pola Xornada virtual sobre internacionalización e acceso a mercados exteriores celebrada esta mesma semana, na que se abordou o proceso de internacionalización de empresas, as relacións interculturais e a internacionalización dixital dando a coñecer as organizacións de apoio e as axudas e recursos dispoñibles.

Ambos as súas actividades -enmarcadas no programa Emprendemakers que promove a Xunta de Galicia- estiveron dirixidas a persoas emprendedoras e empresas de Galicia e do Norte de Portugal cunha idea ou proxecto empresarial vinculado ao ámbito tecnolóxico, ás persoas participantes nas actividades da Academia Maker, e á cidadanía en xeral “co obxectivo de fomentar accións innovadoras de carácter tecnolóxico que conecten ao mundo maker co ecosistema empresarial”, especificou Ardao.

Con este tipo de iniciativas a Xunta segue a impulsar o emprendemento na comunidade a través da formación e o asesoramento, unha estratexia que ten como un dos seus eixos a Rede galega de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta xa con 4 centros en Verín (Ourense), Silleda (Pontevedra), Coristanco (A Coruña) e Monforte de Lemos (Lugo) e abrirá o quinto en Ferrolterra antes de que remate o ano.

“Seguiremos a traballar coas iniciativas emprendedoras xurdidas da Academia Maker co obxectivo de fomentar accións innovadoras de carácter tecnolóxico que conecten o mundo maker co ecosistema empresarial”, remarcou a directora xeral.

Nos polos de emprendemento, afirmou, seguiranse a ofertar obradoiros en tecnoloxía maker que ten por finalidade “promover a creatividade en áreas como a ciencia, a tecnoloxía e o deseño, brindando unha aprendizaxe baseada en proxectos e que fomenta o pensamento, a innovación e a experimentación, así como as habilidades socioemocionais”.

22 de decembro de 2022 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.