publicidade hoxe

A Xunta eleva á Mesa Sectorial Docente a proposta de axustes no calendario de avaliacións de final de curso na etapa de ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Xunta de Galicia elevará á Mesa Sectorial Docente non Universitaria unha proposta de modificación da Orde de calendario escolar 2022-23 con axustes nas avaliacións de fin de curso na etapa de Educación Secundaria Obrigatoria, tal e como solicitaba a comunidade educativa.

Con esta proposta, que será explicada na reunión da Mesa o vindeiro xoves, o alumnado rematará as clases na mesma data que estaba previsto, o día 22 de xuño. Durante as semanas previas as clases seguirán o seu normal desenvolvemento. Non se continuará, polo tanto, coa experiencia do pasado ano derivada da LOMLOE, que foi necesario implementar logo de que o Ministerio de Educación e FP modificara o sistema a metade do curso.

Para facer efectiva a modificación, a orde prevista recolle que o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria ten dereito a tres sesións de avaliación parciais e unha avaliación final, pero dálle liberdade aos centros para facer coincidir a data da terceira sesión parcial coa avaliación final de ESO. Dita avaliación final para o ciclo da Secundaria realizarase a partir do día 22 de xuño de 2023. Así pois, queda eliminada a referencia á sesión de avaliación previa á final que ata o de agora se establecía a partir do 5 de xuño.

Escoitar á comunidade escolar

A Xunta de Galicia aposta desta maneira por dar a maior estabilidade posible e certezas ao sistema educativo e escoitar á comunidade escolar. De feito, esta modificación tómase en resposta ás peticións recibidas por parte da mesma, tras un diálogo mantido nos últimos meses tanto con representantes das familias, como coas organizacións sindicais e equipos directivos dos centros educativos.

Desde o primeiro momento, a Consellería trasladoulles o compromiso de someter a revisión o calendario proposto inicialmente e a realizar os axustes que foran pertinentes para a mellora da aprendizaxe.

Esta modificación é aplicable unicamente para a etapa de Ensino Secundario Obrigatorio, polo que no resto das ensinanzas (Bacharelato, FP Básica e ciclos formativos) o calendario mantense invariable coas dúas convocatorias finais (ordinaria e extraordinaria) tal e como establece a normativa estatal.

12 de decembro de 2022 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.