publicidade hoxe

Rueda resalta a xestión de Galicia dos fondos europeos e insta ao Goberno central a axilizar o reparto para non perder unha oportunidade histórica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta na clausura do Foro Next Generation

O presidente da Xunta na clausura do Foro Next Generation

O presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe a xestión de Galicia dos fondos europeos Next Generation e instou agora ao Goberno central a axilizar o reparto dos mesmos para que a Comunidade galega non perda esta “enorme oportunidade histórica”.

“É un tren importante que non podemos deixar pasar e aínda estamos a tempo, porque do contrario ímonos arrepentir moitísimo”, advertiu Rueda na súa intervención na clausura do Foro Next Generation, organizado por El Economista en Santiago de Compostela, na que admitiu a “preocupación” porque estes investimentos non está a chegar. En concreto, referiuse a que, neste intre, a candidatura de Galicia conta con máis dunha trintena de proxectos industriais “moi importantes” que están xa en tramitación e que están á espera de certezas no reparto destes fondo.

Entre estes proxectos, o mandatario galego referiuse á planta de Altri para fabricar fibras téxtiles en Palas de Rei; á de hidroxeno verde de Reganosa e EDP Renovables; á de metanol verde de Forestal del Atlántico; e á factoría de pneumáticos de Sentury Tires. Con respecto a estas tres últimas, puxo en valor o impulso que todas elas suporían para a comarca de Ferrolterra. A estas iniciativas sumou o proxecto de Showa Denko para fabricar ánodos para baterías na Coruña; a de Kern Pharma en Monforte; e o de Lonza en Salvaterra de Miño, para potenciar o sector biotecnolóxico galego.

Lentitude no reparto dos fondos

Por tanto, o presidente remarcou que con estes proxectos Galicia “ten cumprido” co que lle solicitou o Goberno central, pero alertou que por parte do Goberno de España -cun sistema de distribución destes fondos “moi centralizado”- están pasando os prazos para a súa xestión de modo “preocupante” e “sen concrecións”.

Así , reproboulle ao Goberno de España que non cumprise coas expectativas de Stellantis na primeira resolución do Perte do vehículo eléctrico; que aínda se estean a agardar convocatorias doutros Pertes, en referencia ao do naval; ou que o Executivo central se reserve para si a xestión das axudas directas e que, sen chegar a entregalas aínda, estea pensando en deixar en mans das autonomías a fase de préstamos.

Ante o que cualificou de “lentitude” na execución dos fondos por parte do Executivo central, Rueda contrapuxo o que está a facer a Xunta de Galicia. Así, remarcou o feito de que o Goberno autonómico xa ten executada a práctica totalidade dos 940 millóns de euros recibidos, dos 1.300 millóns asignados a Galicia. Ao seu entender, esta xestión da comunidade galega reflicte a dilatada experiencia das comunidades autónomas na xestión dos fondos da Unión Europea, que volveu defender.

En todo caso e para concluír a súa intervención, anunciou que o Goberno galego vai continuar moi atento ao percorrido dos fondos europeos, porque advertiu que deles depende o emprego e o futuro industrial. “Ás veces é un pouco descorazonador ver que esta preocupación que temos en Galicia pola xestión dos fondos Next Generatión e pola posibilidade de non poder aproveitar esta oportunidade non é igual en todas partes”, admitiu o presidente da Xunta, quen por este motivo demandou o máximo interese e implicación de todas as administración nesta cuestión

30 de novembro de 2022 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.