publicidade hoxe

Rueda demándalle por carta a Sánchez que o Cumio Ibérico priorice as infraestruturas que conectan Galicia e o Norte de Portugal, como o AVE Vigo-Porto

O presidente galego tras a reunión do Consello

O presidente galego tras a reunión do Consello

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe, tras a reunión do Consello, que lle vai demandar “inmediatamente e por escrito” ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, que a XXXIII Cimeira Iberica -que se celebra mañá en Viana do Castelo entre os gobernos de España e Portugal- “priorice” reforzar a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, sobre todo no que se refire ás infraestruturas que conectan ambos os territorios, citando expresamente á conexión de alta velocidade entre Vigo e Lisboa.

“Queremos que sexa unha realidade”, remarcou o mandatario galego, quen manifestou a “preocupación do Goberno galego pola inconcreción” manifestada polo Goberno central. “Din que si, pero ao mesmo tempo din que non hai présa”, censurou á vz que se amosou crítico coa anualidade para 2023 de 30.000 euros dos Orzamentos Xerais do Estado para esta obra. “Isto e nada é o mesmo”, esgrimiu.

Rueda lembrou que o Goberno galego leva reclamado de forma reiterada ao Executivo estatal que se comprometa coa liña de alta velocidade entre Vigo e Porto para impulsar a competitividade e as sinerxías entre Galicia e Portugal, do mesmo xeito que está a facer o Goberno portugués. Por iso, insistiu na necesidade de que o Goberno central impulse a saída sur de Vigo que segue co estudo de alternativas e sen planificación orzamentaria para a súa execución.

Ademáis, a Xunta pide que mentres non avancen as obras do AVE Vigo-Lisboa, se garanta e mellore o funcionamento do tren Celta entre Vigo e Porto é haxa outras melloras nas infraestruturas viarias coma: a conexión transfronteiriza por estrada por Macedo de Cavaleiros ata a localidade ourensá da Gudiña, ademais dun acordo internacional entre os dous países, España e Portugal, para o impulso e avance dunha autovía internacional que comunique Celanova e Portugal e a construción dunha ciclovía na ponte internacional da Eurocidade Salvaterra-Monção.
Por outra parte, o presidente da Xunta lamentou que non se invite aos Gobernos das comunidades limítrofes a este cumio. “Entendemos que as comunidades fronteirizas e cunha relación tan estreita – como é o caso de Galicia- deberiamos estar representadas neste encontro de alto nivel”, argumentou. De feito, entre as demadas hoxe acordadas no Consello de cara a este cumio ibérico, está apoiar a proposta para que os presidentes das rexións transfronteirizas -tanto comunidades autónomas como a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N)- poidan estar presentes nos cumios luso-españois pola súa relevancia nas áreas abordadas nestes encontros.

Estatuto do traballador tranfronteirizo

A Xunta e a CCDR-N reclaman tamén avances no futuro Estatuto do traballador transfronteirizo acordado en xuntanzas anteriores pero aínda non implantado e co que se pretenden mellorar as condicións de traballo e a mobilidade dos traballadores da raia. Este asunto é de especial relevancia para a Eurorrexión, tendo en conta que concentra máis da metade do tráfico de vehículos de toda a fronteira hispano-lusa con máis de 14.000 traballadores transfronteirizos. Nesta liña, Galicia e o Norte de Portugal confían en que se dea continuidade á decisión do Cumio de Trujillo (Cáceres) do ano pasado no canto da proposta do Goberno español de substituílo por unha guía informativa de maior complexidade xurídica.

Tamén se avoga por crear un réxime excepcional para a mobilidade dos vehículos dos traballadores transfronteirizos e simplificar a mobilidade de menores de idade que cruzan a fronteira para intercambios culturais, deportivos ou educativos.

Ademais, solicítase impulsar a promoción turística do Xacobeo e do Camiño Portugués, xunto coa ampliación dos ámbitos de cooperación entre entidades do sistema científico e tecnolóxico da Eurorrexión, e a creación de sinerxías nos distintos eidos asociados á transición enerxética, á economía azul, á xestión forestal ou a xestión conxunta de áreas transfronteirizas como a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés.

O Goberno galego confía en que a maior parte destas reclamacións expostas pola Eurorrexión queden reflectidas tamén nas conclusións do XXXIII Cumio Ibérico de mañá.

Por outra banda, xa se está a traballar na preparación da participación da Eurorrexión en proxectos conxuntos con que optar aos fondos do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. Este POCTEP VI-A suporá un investimento de máis de 427M€, un 11 % máis que no anterior período, 2014-2020, no que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mantivo o liderado na captación de fondos no contexto da fronteira hispano-portuguesa.

3 de novembro de 2022 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.