publicidade hoxe

O Servizo Galego de Saúde realiza anualmente máis de 3 millóns de probas de imaxe diagnóstica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde realiza anualmente unha media de 3.300.000 probas de imaxe diagnóstica, das que 1.748.000 son radiografías, no conxunto das sete áreas que conforman o sistema sanitario público galego.

Con motivo do día Mundial da Radioloxía, o día 8 de novembro, o departamento sanitario da Xunta quere agradecer o traballo e dedicación do conxunto de profesionais que desempeñan o seu labor nuns servizos que son considerados como prioritarios polo Executivo galego, ao confluír nos mesmos moitas das decisións asistencias dos centros hospitalarios.

Anualmente, os servizos de Radioloxía do Sergas levaron a cabo máis 1,7 millóns de radiografías, 440.000 ecografías; 292.000 TACs, 722.000 mamografías, 90.000 resonancias magnéticas, e un total de 30.000 intervencións de tipo vascular.

Da súa importancia e influencia multidisciplinar no sistema sanitario público galego deriva que en 2023 contaremos con 35 tomógrafos computarizados, (7 deles de tecnoloxía espectral, un para cada hospital de área sanitaria); se substitúan 4 tomógrafos computarizados e se incorporará un novo para o o servizo de Radioterapia de Pontevedra; se instalarán 4 salas de neurovascular, (dúas delas novidosas para os hospitais de Lugo e Ourense, que non contaban con este equipamento); e tamén 4 salas vasculares (unha delas para o Hospital de Ferrol, centro que non dispoñía desta tecnoloxía) e coa que se completa o mapa dos centros hospitalarios de cabeceira que contan cunha sala de vascular.

Do mesmo xeito, con cargo dos fondos europeos Next Generation, os centros sanitarios galegos contarán para o ano que vén con 9 novos equipos de resonancia magnética. Deles, 7 serán para renovar o equipamento existente e, outros 2, serán de nova instalación, tendo como destino o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e o Hospital Público da Mariña. Todo este novo equipamento representa un investimento de 40 millóns de euros.

Renovación de equipamento e aposta pola tecnoloxía

Contando con estas novas adquisicións, o vindeiro ano o Servizo Galego de Saúde contará con 35 equipos de tomografía axial computarizada; 21 resonancias magnéticas (3 delas de tipo móbil), 8 salas vasculares; 5 salas neurovasculares; 22 mamógrafos; 99 equipos de radioloxía en atención hospitalaria e outros 33 nos diferentes centros de saúde galegos.

Este equipamento engádese á adquisición, o pasado ano, de 46 novos ecógrafos para conxunto de servizos de Radiodiagnóstico dos hospitais do Sergas.

A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso de dotar aos centros sanitarios coa mellor tecnoloxía e equipamento posible, co ánimo de garantir á poboación o mellor calidade asistencial posible.

7 de novembro de 2022 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.