publicidade hoxe

O futuro centro galego de control e prevención de enfermidades captará talento en Galicia a través de novas fórmulas de provisión de persoal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O futuro Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades, anunciado pola Xunta o pasado mes de outubro, situará Galicia á vangarda na ciencia, calidade e seguridade referidas á Saúde Pública. O Centro, que dependerá da Dirección Xeral de Saúde Pública, aportará excelencia nos traballos de vixilancia epidemiolóxica, permitindo a retención e captación de talento, a través de novas fórmulas de provisión de persoal.

Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa participación nos actos conmemorativos do 50º aniversario do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

O titular da sanidade galega engadiu que, entre obxectivos do centro estará a implantación de estratexias que permitan un mellor control das enfermidades, a coordinación das accións necesarias e o impulso do traballo en rede con entidades sanitarias, académicas e investigadoras. Segundo avanzou Julio García Comesaña con este proxecto o Goberno galego quere “ser capaz de de anticiparse e dar unha resposta rápida aos problemas que poidan xerarse no eido da Saúde Pública”, con estratexias de prevención apropiadas e inmediatas.

Durante a súa intervención, García Comesaña sinalou o papel relevante que a medicina preventiva debe ter neste novo Centro; indicando que a figura deste profesional estivo presente “no Comité Clínico que asesorou á Xunta nos momentos máis difíciles da pandemia”.

Así mesmo, o titular da carteira sanitaria, deu os parabéns a un servizo precursor, que xerou talento con máis de 50 especialistas de Medicina Preventiva e Saúde Pública. Un servizo que, nas últimas décadas, acadou fitos tan importantes como a acreditación da formación MIR; a colaboración coa USC en formación especializada e investigación en Saúde Pública, Epidemioloxía e Administración e Xestión sanitaria; ou a posta en marcha da Consulta do Viaxeiro e do Centro de Vacinación Internacional.

Con todo, o Goberno galego entende que a pandemia non debe entenderse como un episodio illado, senón que debe ser un punto de inflexión para incidir no reforzo da medicina preventiva e a saúde pública, así como das políticas sanitarias asociadas a estes ámbitos. De aí que a aposta da Xunta se materialice na posta en marcha da Escola Galega de Saúde Pública; a licitación do Observatorio de Saúde Pública, cun investimento de case 1 millón de euros; e o impulso da formación, da investigación en a innovación.

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou tamén nunha das mesas redondas deste evento que leva por título ‘Cinco décadas do servizo de medicina preventiva’.

18 de novembro de 2022 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.