publicidade hoxe

O Arquivo do Reino de Galicia amosa o desenvolvemento das infraestruturas aeroportuarias na comunidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Inauguración da exposición

Inauguración da exposición

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, inauguraron hoxe a exposición Voar dende Galicia. O desenvolvemento das infraestruturas aeroportuarias en Galicia que pode visitarse ata vindeiro 16 de decembro no Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña. Composta por preto de 140 documentos, a mostra abrangue parte do fondo documental de Francisco Iglesias Brage custodiado neste centro, e que conta tamén con reproducións dalgúns documentos pertencentes ao Arquivo municipal da Coruña e o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, así como con préstamos de particulares.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou o valor desta exposición para coñecer os inicios da aviación da Galicia así como os procesos para a construción dos tres aeroportos, de pequenos aeródromos (como o de Rozas, en Lugo) e de proxectos inacabados.

Dentro dos documentos expostos, hai tanto fotografías como maquetas de avións e documentos xenéricos sobre a aviación, rutas aéreas e normas para aeroportos, entre outros. A documentación encádrase sobre todo nas décadas de 1940-50, na que tiveron lugar a redacción e execución deses proxectos, aínda que nalgúns casos hai imaxes das décadas de 1960-70.

Francisco Iglesias Brage (1900-1973) foi piloto de aviación, militar e enxeñeiro. No marco da súa vida profesional, non só asistiu aos grandes acontecementos que acaeceron ao longo do século XX, senón que formou parte de moitos deles. Non en balde, desempeñou varios postos na Administración e foi xefe de División de Material e subdirector da Compañía Iberia de Líneas Aéreas e presidente de Talleres Aeronáuticos de Barajas SA.

3 de novembro de 2022 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.