publicidade hoxe

Lorenzana apunta no Parlamento que Galicia rematará 2022 co 100% dos obxectivos cumpridos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, afirmou hoxe no Pazo do Hórreo, que Galicia rematará 2022, o horizonte do actual Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co 100% das medidas previstas cumpridas. O seu departamento, asegurou, levará ante a Cámara o informe anual de execución destes compromisos e está a elaborar un balance dos cinco anos de vixencia do Pacto que presentará tamén no Parlamento.

Lorenzana aproveitou a intervención para referendar o compromiso da Xunta co conxunto da sociedade galega, coas mulleres e coas vítimas. “Un compromiso que se demostra coa posta en marcha de numerosas actuacións de sensibilización e prevención, de detección e atención, e tamén de coordinación, contra a violencia de xénero”, indicou.

“Parte do éxito da estratexia da Xunta no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero reside na transversalidade das actuacións”, explicou Lorenzana. Neste sentido remarcou que as actuacións enmarcadas no pacto nos últimos anos implicaron a todos os departamentos do Goberno autonómico, ás entidades locais, ao Terceiro Sector e ás universidades galegas.

A titular de Igualdade puxo como exemplo medidas innovadoras como o bono de alugueiro social liderado polo departamento de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou a asistencia xurídica gratuíta ás vítimas de violencia de xénero, destacando no caso de Galicia a inclusión e cobertura tamén das de violencia sexual posta en marcha en 2021.

Puxo en valor tamén a conselleira a liña de axudas prevista en 2023 para que os concellos poidan investir novos medios na mellora das infraestruturas e do equipamento dos Centros de Información á Muller (1,4 millóns de euros) ou a posta en marcha das quendas especializadas de garda social e psicolóxica, para atender ás vítimas e as súas fillas e fillos.

Pacto prorrogado

A representante da Xunta reclamou financiamento para que o Goberno central dote o novo Pacto de Estado que, a instancia de Galicia e outras comunidades autónomas prorrogouse finalmente, a pesares, especificou Lorenzana, das reticencias iniciais do Ministerio de Igualdad. É momento, dixo, de que “se empecen a tomar este asunto coa debida seriedade e axilicen os prazos o necesario, garantindo por suposto o seu financiamento”, afirmou.

“No calendario remitido polo ministerio está previsto que entre xaneiro e febreiro de 2023 se propoña o financiamento concreto por Comunidades Autónomas; nós apoiamos e impulsamos a prórroga do Pacto de Estado e o catálogo de servizos mínimos para vítimas de violencia de xénero, pero non imos a apoiar un sistema de financiamento que reduza ou modifique a achega que lle corresponde a Galicia”, recalcou a conselleira da Igualdade.

Lorenzana lembrou o éxito de ter acadado un Pacto de Estado de consenso e defendeu que “agora temos a obriga de preservalo e garantilo, coas mellores condicións posibles”.

23 de novembro de 2022 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.