publicidade hoxe

Galicia solicita ao Goberno que incremente os investimentos nas redes de distribución e transporte para garantir a viabilidade e competitividade de proxectos industriais clave para a economía galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, solicitou esta mañá ao Goberno, durante a Conferencia sectorial de enerxía, que incremente os investimentos nas redes de distribución e transporte. Deste xeito, poderíanse atender as prioridades a ter en conta na actual planificación eléctrica para garantir a viabilidade e a competitividade de proxectos industriais clave para a economía galega como poden ser os de Altri, Showa Denko, Sentury, Alcoa ou Stellantis.

“Hoxe trasladamos a solicitude formal para que se inicie unha revisión da planificación eléctrica 2021-2026 para garantir que estes proxectos industriais poidan dispor tanto das infraestruturas eléctricas como do desenvolvemento das renovables vinculadas aos mesmos e permitir non só o desenvolvemento do sector eólico, senón tamén destes proxectos”, explicou.

Esta proposta da Xunta de Galicia ao Goberno, de ter sida en conta, permite unha maior infraestrutura para absorber a xeración renovable, repercute favorablemente en todos os proxectos industriais asociados á eólica, garante unha maior capacidade do sistema para facer fronte ás demandas enerxéticas da industria e facilita aos promotores un acceso á rede nos nós máis próximos aos seus proxectos, reducindo así a extensión das liñas de evacuación, que xeran sempre maior afección ao territorio.

Na reunión tamén se abordou a necesidade de ampliar os prazos de tramitación que establece o Real Decreto Lei 23/2020 para os proxectos eólicos. O Ministerio para a Transición Ecolóxica xa dispón dos informes que pediu para avanzar coa tramitación dos 13 parques eólicos que son da súa competencia. Trátase de proxectos cun cometido clave como é garantir a competitividade da industria galega ao subministrar enerxía á fábrica de Alcoa e ás futuras iniciativas de Sentury e Showa Denko. Destes 13 proxectos, oito precisan da aceleración, por parte do Ministerio, da declaración de impacto ambiental antes de finais de xaneiro, do contrario provocaría a caducidade dos permisos de acceso e conexión. Conde pediu axilidade e púxose a disposición do Ministerio para avanzar neste asunto.

23 de novembro de 2022 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.