publicidade hoxe

Galicia realizou na última década máis dun cento de exercicios de loita contra a contaminación mariña para testar os seus medios e optimizar a coordinación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLaxeLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiron hoxe a un simulacro marítimo no porto de Laxe co obxectivo comprobar o funcionamento e a coordinación dos medios dos que dispón a comunidade para loitar contra hipotéticos episodios de contaminación mariña accidental. Este exercicio, que se suma aos máis dun cento realizados na última década, permitiu testar a capacidade de resposta dos medios galegos ante o risco de contaminación trala suposta colisión dun buque quimiqueiro -que finalmente non sufriu danos- cun pesqueiro -coa perda de combustible derivada do choque- a 15 millas do porto de Laxe.

O simulacro enmárcase nas probas e adestramentos realizados habitualmente no marco do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal), creado no ano 2012 para loitar de forma máis eficaz, operativa e eficiente ante unha emerxencia deste tipo ao simplificar os órganos de resposta ante unha continxencia marítima.

De feito, o Camgal é o plan de actuación da comunidade autónoma e enmárcase no Sistema Nacional de Resposta, que recolle dous subsistemas -marítimo e costeiro- en función do impacto que teña o episodio contaminante. No subsistema marítimo inclúense o Plan Marítimo Nacional e os Plans Interiores Marítimos e no subsistema costeiro o Plan Ribera, os plans territoriais (como o Camgal) e os plans locais.

A conselleira do Mar explicou que este tipo de simulacións contribúen a que tanto os medios humanos como os técnicos estean nunha situación óptima para intervir en caso de que sexa necesario e que a resposta sexa áxil e eficiente na protección da costa e do medio mariño. Neste sentido, salientou que desde 2012 se realizaron máis dun cento de exercicios coma este -coa participación de distintos organismos da Xunta- aos que hai que sumar as 75 activacións reais do Plan Camgal, das que 67 foron en fase de alerta, sete en situación 1 (emerxencia de nivel mínimo) e unha en situación 2 (emerxencia nivel medio).

Rosa Quintana puxo en valor que, malia que o risco cero non existe, a comunidade está mellor preparada ca nunca para facer fronte a calquera episodio de contaminación mariña accidental. Neste sentido, incidiu en que Galicia é a única comunidade cun servizo de gardacostas propio e que nos últimos anos incorporou importantes medios e equipamentos como os buques Irmáns García Nodal e Sebastián de Ocampo -dotados de EPI de protección nuclear, radiolóxica, biolóxica e química (NRBQ)- así como o Ría de Vigo, designado para o Noroeste de Península Ibérica pola Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) e no que a Xunta contribúe a manter a súa operatividade.

A maiores, todas as bases do Servizo de Gardacostas de Galicia e as súas patrulleiras contan con material de loita contra a contaminación ao tempo que a comunidade dispón de cinco naves de almacenaxe de distintos equipamentos, tres de Gardacostas en Cambados, Sada e Viveiro e dúas de Portos de Galicia, en Cambados e A Pobra do Caramiñal.

A titular de Mar subliñou que á necesidade de contar con medios técnicos se engade a relevancia de que o persoal que intervén en episodios destas características conte coa mellor formación posible. Ese é o obxectivo de simulacros como o de hoxe e tamén a participación de Galicia nos últimos anos en máis dunha quincena de proxectos europeos relacionados coa oceanografía e a loita contra a contaminación mariña. Entre eles están algúns como Erocips, Arcopol, EasyCo, Mycoast, CleanAtlantic, Raia, MarRisk, Drifter, Mariner ou Manifests.

O vicepresidente segundo da Xunta destacou a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de preparación para garantir a eficacia ante as posibles emerxencias, motivo polo que periodicamente se programan simulacros de emerxencia. De feito, o Camgal, malia non ser un plan de protección civil, intégrase no Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) para activarse nos casos nos que fose necesario se a emerxencia ademais de contaminación mariña tivese consecuencias para a poboación.

Nesta liña, Diego Calvo puxo en valor o labor do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, desde o que se mobilizan e coordinan os efectivos e recursos precisos ante unha incidencia.

A Xunta pon a proba así os plans de autoprotección ou os plans de emerxencia exterior e industriais para facer fronte a riscos especiais como incendios forestais, inundacións ou accidentes aéreos. Nesta liña, o vicepresidente segundo incidiu no importante traballo de revisión dos plans de protección civil autonómicos e lembrou que se aprobou un novo decreto de Plans de Autoprotección de Galicia que permitirá actualizar as actividades e instalacións que están obrigadas a elaborar estes plans para controlar os riscos dando unha resposta adecuada.

O simulacro

O exercicio realizado hoxe consistiu na suposta colisión dun pesqueiro cun buque químico, que se dirixía á Coruña, a 15 millas de Laxe. Ante este accidente, e de acordo co Sistema Nacional de Resposta, despréganse os medios adscritos ao Plan Camgal co fin de dar apoio ao Plan Marítimo Nacional nos labores de avaliación dos danos do quimiqueiro, poder levar o pesqueiro a porto e conter a vertedura de hidrocarburo.

Como consecuencia da abordaxe, o pesqueiro sufriu unha perda de combustible, polo que se despregan barreiras de arrastre na zona para a limpeza do hidrocarburo flotante na súa contorna. Ao mesmo tempo, o buque Irmáns García Nodal desprega unha barreira de contención coa finalidade de desviar unha posible mancha de carburante e evitar a súa entrada na zona portuaria.

Ademais, ante a posibilidade de ter que apoiar os labores de reparación dos danos sufridos polo quimiqueiro, actívanse os equipamentos NRBQ do Sebastián de Ocampo por se tivera que intervir. Finalmente non é precisa a súa axuda pois a tripulación do mercante logrou reparar os danos e retomar a súa travesía con destino á Coruña.

A partir dese momento os traballos céntranse no pesqueiro, onde o Sebastián de Ocampo desprega unha barreira de contención co fin de rodear o pesqueiro ata a súa revisión no porto de Laxe. Todo este operativo contou tamén coa colaboración da unidade móbil da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) para facilitar os labores de coordinación, con medios aéreos (drons e o Pesca 2) para facer un seguimento desde o aire da posible contaminación así como co visor do Plan Camgal e as boias e o modelo de predición de derivas do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar).

Medios e organismos

No exercicio interviñeron medios do Servizo de Gardacostas de Galicia, do Intecmar, de Portos de Galicia, da Axega, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e voluntarios de Protección Civil de Laxe, que colaboraron en labores de vixilancia da costa.

As unidades participantes foron os buques Irmáns García Nodal e Sebastián de Ocampo coas súas respectivas embarcacións auxiliares, a patrulleira Punta Festiñanzo, o helicóptero Pesca 2, a unidade móbil e medios da Unidade de Drons do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axega así como distintos equipamentos de loita contra a contaminación como barreiras de distintos tipos, elementos absorbentes para a retirada de residuos e instrumentos auxiliares necesarios para o desenvolvemento do simulacro.

A maiores do vicepresidente segundo e da conselleira do Mar, ao simulacro asistiron tamén o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia -como director do plan Camgal-, Lino Sexto, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axega, Marcos Araújo.

11 de novembro de 2022 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.